- Tematica
O próximo martes, 20 de abril, impartirase unha nova actividade do programa Apego de Ames. Cantar, Contar e xogar é un obradoiro para familias con crianzas de 0 a 6 anos, con música en directo, e no que ademais de pasalo xenial daranse a coñecer unha chea de recursos educativos e de lecer que enriquecerán e alegrarán a crianza. Será na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. Para participar é imprescindible inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos das persoas participantes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O Servizo de Normalización Lingüística, a través do programa Apego, trae ata o Concello de Ames a actividade Cantar, Contar e xogar. Trátase dun obradoiro para familias con crianzas de 0 a 6 anos, con música en directo, e no que ademais de pasalo xenial daranse a coñecer unha chea de recursos educativos e de lecer que enriquecerán e alegrarán a crianza. Esta actividade está impartida por Bea Campos, de Migallas Teatro. Será na Casa da Cultura do Milladoiro o martes, 20 de abril, ás 18.00 horas.
Dende hoxe luns, 12 de abril, está aberto o prazo de inscrición e para anotarse. É unha actividade gratuíta e para anotarse é preciso enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas que solicitan ir, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 19 de abril. As prazas outorgaranse por orde de inscrición e non se admitirán solicitudes fóra de prazo.
O programa Apego
O programa Apego está dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.
As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.
Tarxetas de psicomotricidade
Dende o departamento de Normalización Lingüística aproveitan tamén para convidarvos a visitar a páxina web do Programa Apego. Hai novos materiais nos recursos descargables e imprimibles para xogar e movernos con moito xeito.
Unha colección de coloridas tarxetas de psicomotricidade coas que animar ao movemento e aprender un monte de expresións e nomes de animais: "di o touro Paco que chimpes un anaco; di o gato Martiño que movas o cuíño; di o carneiro Rafael que deas voltas coma un carrusel; di a ovella Adela que deas unha cambadela; di cabra Violeta que batas os brazos coma a bolboreta; di Sabela, a raposa, que saltes á pata coxa…".
Podedes descargalas, imprimilas, recortalas e usalas en canto se vos ocorra. Se picades aquí, chegades a elas nun vira vira.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Dan pulos á educación en galego con música e xogos"