- Tematica
A Concellaría de Deportes de Ames abre este martes, 9 de xullo, o prazo de inscrición para os cursos de natación que se desenvolverán no concello durante o mes de agosto. Os obradoiros terán lugar de luns a venres, tanto na piscina descuberta de Bertamiráns coma na do Milladoiro. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña, e pecha o prazo de inscrición o vindeiro 19 de xullo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de solicitude para os cursos de natación.
Así, os e as interesadas en participar nalgunha das cinco quendas do curso de natación de agosto poderán anotarse no curso entre o 9 e o 19 de xullo. Os cursos de agosto, como xa ocorreu cos que se están a desenvolver este mes de xullo, están organizados en función da idade das e dos participantes, polo que ambos manterán os mesmos horarios. Ás 11:15h comezarán as persoas que superen os 10 anos de idade, mentres que ás 12:00h será a quenda daquelas e aqueles entre os 8 e os 9 anos. A continuación, ás 12:45h, entrará na piscina a rapazada cuxa idade estea comprendida entre os 6 e os 7 anos, aos que seguirán os cativos e cativas de entre 3 e 5 anos a partir das 13.30h, que serán os últimos en mergullarse.
Trámites de inscrición
As inscricións poderán tramitarse tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na Oficina de Deportes de Bertamiráns, situada na Casa do Concello, en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Para realizala será preciso presentar a solicitude cuberta, xunto con unha fotocopia da tarxeta sanitaria e o impreso de autoliquidación do pagamento selada pola entidade bancaria. No tocante ao prezo, cada familia deberá abonar 20 euros, reducíndose a 10 para segundos membros e a 5 para terceiros e restantes. Asemade, existen bonificacións para os membros das unidades familiares menores de 18 anos.
A folla de autoliquidación poderá solicitarse presencialmente na Casa da Cultura do Milladoiro, na oficina de Deportes de Bertamiráns, nas oficinas de recadación ou no enderezo de correo electrónico ames@canaltributos.com. Só poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Ames. Para máis información poden enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar aos números de teléfono 981535940 ou 619842504.