- Tematica
Dende hoxe martes 1 ata o xoves 10 de marzo as persoas interesadas poden inscribirse na actividade “En galego, co teu acento!”, que busca aproximar a veciñanza á lingua e á cultura galegas, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Bertamiráns e O Milladoiro acollerán cadanseu obradoiro dun mes de duración, con 15 sesións de dúas horas nas mañás dos luns, mércores e venres. As inscricións, de balde, poden realizarse presencialmente acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono ao número 662 377 215.
O obradoiro “En galego, co teu acento!” volve un ano máis para achegar a lingua e a cultura galega a unha parte da veciñanza procedente de fóra de Galicia ou que por diferentes motivos non tivo oportunidade de coñecela. Coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, o curso está dirixido principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia, pero tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galega.
O curso, basicamente práctico e participativo, ten unha duración de 30 horas e desenvolverase en horario de mañá, os luns, os mércores e os venres, cun total de 15 sesións de dúas horas. Primeiro será a quenda de Bertamiráns, que celebrará o obradoiro dende o 14 de marzo ata o 13 de abril, no Pazo da Peregrina, das 9:30 ás 11:30 horas. No Milladoiro, o obradoiro desenvolverase do 20 de abril ao 25 de maio, na Casa da Cultura, das 9:00 ás 11:00 horas. Ao remate das sesións entregarase un diploma de asistencia.
Inscricións abertas ata o xoves 10 de marzo
As persoas interesadas no obradoiro de lingua e cultura, “En galego, co teu acento!” poden inscribirse de balde na actividade dende hoxe ata o xoves 10 de marzo. As inscricións formalizaranse entre as 9.00 e as 14.00 horas no Servizo de Normalización Lingüística municipal, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes situada nas Oficinas Xerais do Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10). Quen non poida achegarse presencialmente, pode inscribirse chamando por teléfono ao número 662 377 215. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.
A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, gabou o carácter acolledor de Ames, e animou ás persoas interesadas no curso a “desenvolver o seu día a día en galego”. “Contamos cunha elevada porcentaxe de poboación procedente de fóra de Galicia. Este contexto multicultural apórtanos xa de por si unha riqueza inmensa. Con este obradoiro, queremos achegar a estas persoas un pouco máis a nós, e que se sumen tamén ao eido cultural e lingüístico do noso país”.
Neste senso pronunciouse tamén a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo. “Onde outros ven un problema nós vemos unha oportunidade, de aí obradoiros coma este, que nos permiten coñecelos un pouco máis e facer rede, á vez que se mergullan na nosa cultura e na nosa lingua. Temos unha gran diversidade cultural e debémoslla a todas as persoas e familias chegadas de diferentes partes do mundo”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Curso de aproximación á lingua e cultura galega para os novos amesáns"