Esta semana inauguráronse dúas árbores con desexos para o novo ano nas Casas da Cultura do Concello. Na Casa da Cultura do Milladoiro os encargados de decorar a árbore foron os integrantes de Arcea-Adames acompañados polas súas monitoras, mentres que na Casa da Cultura de Bertamiráns a árbore foi realizada pola voluntaria do Concello, María Teresa Lamas . Ambas árbores están dispoñibles para que a veciñanza as siga decorando cos seus desexos para o vindeiro ano.
A Concelleira de Benestar Social, Luísa Feijoo, foi encargada de inaugurar esta semana dúas árbores con desexos para o vindeiro ano, acompañada dos artífices de cada unha delas e que agora se encontran dispoñibles para que a veciñanza aporte os seus propios.
A primeira árbore foi instalada polos integrantes de Arcea-Adames acompañados polas súas monitoras, que encheu de ilusión e maxia a Casa da Cultura do Milladoiro cos seus desexos. Esta entidade foi creada en 2003 como iniciativa de pais e titores de persoas con discapacidade intelectual coa finalidade de adoptar todas as medidas que contribúan á mellora da calidade de vida destas persoas e a dos seus familiares. A través desta iniciativa trátase de involucrar a estas persoas nas actividades que se realizan dende o Concello co fin de que colaboren e poñan o seu gran de area.
Posteriormente, inaugurouse a árbore dos bos desexos na Casa da Cultura de Bertamiráns, despois do esforzo e traballo da voluntaria María Teresa Lamas, que inaugurou a árbore acompañada da concelleira Luísa Feijóo e os técnicos do concello, Rubén Ramos e Soraya Añón.