Solapas principales

Investiranse preto de 50.000 euros para executar unha área con xogos de aventuras no antigo parque infantil da Condomiña

Jueves, 16 de enero de 2020

A Concellaría de Obras e Servizos Básicos, no marco de creación, renovación e mellora de Infraestruturas e áreas de recreo do termo municipal de Ames, propuxo entre outros obxectivos de mellora e creación, a remodelación da área de xogos do lugar da Condomiña, pertencente á parroquia de Ortoño. O obxectivo da reforma de dita área de xogos é executar un parque Infantil de aventuras con novos elementos de xogo e un novo pavimento coa finalidade de garantir un servizo axeitado ás necesidades existentes.

No pasado pleno ordinario de novembro de 2019 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o expediente de modificación orzamentaria número 4/2019, na modalidade de suplemento de créditos, por un importe de 131.465 euros, para sufragar a mellora dun viario interior en Biduído de Abaixo, a pavimentación de varias rúas do Milladoiro (rúas Pardiñeiros, Cruxa, Agro do Medio e rúa de Abaixo) e maila mellora do parque infantil da Condomiña.

Deste xeito, dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos están traballando na contratación das obras necesarias para executar o proxecto deste novo parque infantil de aventuras na Condomiña. Deste xeito, realizaranse as obras necesarias para a mellora e creación dun parque infantil rústico de aventura nas proximidades do núcleo urbano de Bertamiráns. Este proxecto ten un custe de 48.392,91 euros.

En primeiro lugar haberá que levar a cabo actuacións previas como son a retirada dos xogos existentes para unha mellor instalación do pavimento. Na actualidade o chan de dito parque infantil está con area. O pavimento que se instalará na área de xogos rústica está formado por unha delimitación perimetral, mediante travesa de madeira tratada, e pavimento de area lavada na zona da tirolina. No resto das áreas de xogos instalarase pavimento con codia de piñeiro do pais.

Posteriormente, procederase ao montaxe e colocación de xogos rústicos. Instalaranse "in situ" e a medida os seguintes xogos rústicos de madeira natural: tirolina sinxela; zancos ou pasos; cordas colgantes; randeeira ou berce/cesto; vigas de equilibrio; e maila construción dun outeiro con xogos de escada e tobogán. Ademais, instalarase distinto mobiliario urbano como bancos individuais e colectivos de madeira natural. Por último, os traballos remataranse mediante a instalación do cartel de normas de seguridade e emprego, así como a certificación segundo norma UNE-En 1176.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que "este novo parque vai a ser o primeiro deste estilo que se vai a facer en Ames, e ampliará o abano de idades que poderán usalo. No futuro, e en función do éxito que teña o mesmo, colocaranse outros similares no concello".

Imaxe do estado actual do parque infantil da Condomiña

Multimedia

  • Imaxe do novo parque infantil de aventuras na Condomiña
  • Imaxe do estado actual do parque infantil da Condomiña