- Tematica
Na xornada de onte, domingo 23 de febreiro, celebrouse a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que este ano se superaron amplamente as cifras de participación de edicións anteriores con 672 persoas inscritas. En canto aos gañadores, a primeira en cruzar a liña de meta na categoría absoluta feminina do trail longo foi Nerea Castro, cun tempo de 01:35:26, mentres que o primeiro posto na categoría masculina foi para Jorge Puig, que finalizou cunha marca de 01:17:23. Como novidade deste ano, a proba incluía o I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic, traendo a algúns dos mellores deportistas nesta disciplina. Eloy Martínez, participando como independente, acadou a vitoria na categoría masculina desta modalidade e, pola súa banda, Emma Méndez, de Atlética Lucense, conseguiu o primeiro posto na categoría feminina. Nos resultados por equipos, o Club Atletismo Cambados volveu a alzarse coa vitoria. Pódense consultar os resultados completos da proba na seguinte ligazón e acceder á galería completa de imaxes nesta outra ligazón.
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizaron onte, domingo 23 de febreiro, a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba que comeza no emblemático lugar de A Ponte Maceira e percorre as terras do noso municipio. Pódese acceder á galería de imaxes da proba na seguinte ligazón.
Ás 10.00 da mañá arrincou a proba para os participantes no trail longo que, en total, realizaron un percorrido de 16 quilómetros ata as instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Cinco minutos máis tarde, deu comezo a andaina, dunha distancia de 15 quilómetros. Así mesmo, para os participantes no trail curto e do I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic, a carreira comezou ás 10:25 desde outro punto emblemático de Ames, a praia fluvial de Tapia.
No trail longo, o primeiro en cruzar a liña de meta na categoría masculina absoluta foi Jorge Puig, cunha marca de 01:17:23. Damián González acadou a segunda posición cun tempo de 01:17:39, moi preto de conseguir gañar a proba. Pola súa banda, Manuel Piñeiro, co Club Atletismo Cambados e gañador da pasada edición desta proba, subiu ao terceiro caixón do podio. En canto á categoría feminina, a gañadora foi Nerea Castro, subcampioa o ano pasado, que finalizou a proba cun tempo de 01:35:26. A segunda posición foi para María Elisa Costas, que rematou en 01:42:21 e, o terceiro posto, foi para Lucía Peón, do Atletismo Arenteiro, cunha marca de 01:44:54.
Por outro lado, este ano o Trail e Andaina Ribeiras do Tambre formou parte do Galicia Trail Running Preclassic. Nesta modalidade participaron deportistas que compiten pola súa clasificación a nivel nacional. Deste xeito, Eloy Martínez acadou o primeiro posto na categoría masculina, cun tempo de 37:47. Pola súa banda, Nuno Moure e Adrín Sesar acadaron o segundo e o terceiro posto cunhas marcas de 40:13 e 40:19 respectivamente.
Así mesmo, na categoría feminina, o primeiro posto foi para Emma Méndez, de Escola Atlética Lucense, cun tempo de 42:55. O segundo e o terceiro posto foron para Sanda González, tamén da Atlética Lucense, e Julia Salvado, da Sociedade Deportiva Compostela Atletismo, cuns tempos de 43:37 e 45:37 respectivamente.
En canto aos resultados do trail curto, o primeiro posto na categoría masculina foi para Jaime García, de Atletismo Narón, cun tempo de 37:05. O segundo posto acadouno Eloy Martínez (primeiro no Campionato Preclassic) e o terceiro posto foi para Nuno Moure, da Agrupación Deportiva Fogar, cunha marca de 40:13. Na categoría feminina, o podio estivo formado polas tres mesmas atletas que conformaron o podio para a modalidade Preclassic: Emma Méndez, Sanda González e Julia Salvado.
Na clasificación por equipos, o Club Atletismo Cambados acadou por terceiro ano consecutivo o primeiro posto no trail longo, cunha puntuación de 73 puntos, seguido do Club Atletismo Tambre en segunda posición, que acadou 284 puntos, e Atletismo Arenteiro no terceiro lugar do podio, con 342 puntos. En canto á clasificación por equipos no trail curto, o primeiro posto foi para o Club Deportivo Delikia, que acadou 15 puntos, mentres que a segunda posición foi para a Sociedade Deportiva Compostela Atletismo, con 57 puntos e, no terceiro posto, o Comesaña Sporting Club con 77 puntos.
Entrega de premios
Como vén sendo habitual nesta proba, a entrega de premios realizouse na parroquia de Piñeiro, nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, lugar onde finalizou a proba. Neste acto estiveron presentes membros do Goberno local e do grupo municipal popular.
Así mesmo, os tres primeiros clasificados a nivel absoluto de cada trail recibiron o seu respectivo galardón, así como os tres primeiros clasificados en cada categoría e os tres primeiros clubs da clasificación de cada un dos trails. Todos os participantes, tanto do trail como da andaina, recibiron un agasallo técnico.