- Tematica
O patinador Jorge Sanmartín, do club de patinaxe Sarela, participará a primeira semana de novembro na Copa de Europa que se vai celebrar en Pula (Croacia). O amesán logrou clasificarse tras acadar a sexta praza no Campionato de España, que tivo lugar no mes de xullo en Parets (Cataluña). Trátase da primeira vez que un patinador dun club do concello de Ames chega a unha competición europea.
Os pasados días 27 e 29 de xullo, o amesán Jorge Sanmartín, do CP Sarela, participou no Campionato de España de patinaxe artístico tras proclamarse subcampión galego na proba de xuvenil masculino. O deportista fíxose coa sexta praza, unha clasificación que lle permitirá participar tamén na Copa de Europa que se vai celebrar en Pula durante a primeira semana no mes de novembro.
Sanmartín, o primeiro patinador dun club amesán que logra este fito, competirá na cidade croata os días 3, 4 e 5 novembro, acompañado tanto por seus pais como pola adestradora de Sarela, Celtia Pampín. O seu calendario inclúe un adestramento de 50 minutos o propio venres 3, un programa curto o sábado 4 e outro longo o domingo 5; así como unha pequena preparación extra que realizará pola súa conta e unha dinámica grupal que levará a cabo a Federación española.
A proposta do patinador será a mesma ca a realizada no Campionato de España, sen modificacións substanciais nin a nivel técnico nin coreográfico. “Tan só incluímos algúns cambios pequenos cambios para aproveitar mellor o tempo e engadir algo de dificultade”, indica Pampín.
O obxectivo marcado polo amesán para afrontar esta competición é gozar da experiencia e tratar de cometer os mínimos erros posibles realizando o seu baile. A súa adestradora destaca que “participar a nivel europeo supón unha recompensa polo traballo previo, tanto do club como de Jorge, ademais dunha motivación para seguir traballando e un reforzo da súa autoestima como patinador. Sabemos que o esforzo non sempre ten a súa recompensa, así que é gratificante saber que nesta ocasión todo confluíu para que así fose”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Jorge Sanmartín, del Sarela, prepara la Copa de Europa"