Solapas principales

Lingua, natureza e patrimonio na visita guiada á Ruta do Apego o venres 10 de xuño

Jueves, 02 de junio de 2022

O programa Apego de Ames organiza o venres 10 de xuño unha saída pola súa Ruta do Apego, situada nas ribeiras do río Tambre, entre os lugares de Lens e Oca. Na xornada realizarase un percorrido guiado, así como varias actividades ambientais para estimular o coñecemento e o amor polo patrimonio ambiental, cultural e lingüístico. Será das 16:30 ás 19:30 horas, con servizo de autobuses dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. As inscricións para a actividade poderán realizarse dende hoxe ata o xoves 9 de xuño, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas. En caso de choiva, suspenderase a saída.

A Ruta do Apego estaba pensada como unha forma de coñecer o patrimonio lingüístico, natural e cultural de Ames, nun espazo no que empregar a curiosidade e os cinco sentidos para descubrir a contorna e a historia do camiño, marcado polos seus topónimos e a súa biodiversidade. A ruta suma un total de 2,3 quilómetros divididos en dous tramos, e ten o seu acceso a 600 metros do lugar de Lens, na estrada que une este núcleo con Tapia.

Actos vandálicos estragaron todos os seus elementos, tanto informativos como de xogo ou de descanso, que se instalaron na ruta a finais do verán pasado. Isto obrigou á retirada de todos os materiais preparados orixinalmente para favorecer un percorrido autoguiado, activo, divertido e enriquecedor pola ruta. Malia a isto, o programa Apego decidiu continuar adiante con esta actividade, mediante unha visita guiada e con actividades para achegar as crianzas dun xeito natural á lingua e ao patrimonio, e dar a coñecer esta parte do concello.

A Engarga, o Isqueiro, A Fonte Férvoda, O Redondelo, O Soutiño, As Pías do Caneiro, O Agro da Sancheira, O Laxindo, A mima de Isaura, Os Cotos, A pedra de Xan Gómez ou A  Devesa Grande son só algúns dos nomes de lugar que podemos atopar pola zona e que nos contan como é o terreo, que vexetación predomina, que uso se lle daba, de quen era.

“A riqueza toponímica de Galicia, onde todo o que pisamos ten nome, é un patrimonio inmenso que nos deixou a xente que habitou esta terra antes ca nós, e que debemos coidar e conservar para que as xeracións vindeiras poidan tamén gozar del e aproveitar toda a información que agocha”, sinalou a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.

Percorrido da Ruta do Apego

A primeira parte da ruta anímanos a descubrir o Camiño á Pedra de Xan Gómez, que transcorre a media ladeira por un camiño de firme compacto e irregular de terra con desniveis baixos. O percorrido, lineal, ten unha distancia de 1.7km de ida e 1.7km de volta. Trátase dun espazo accesible tanto para carros como para cadeiras de rodas, no que atopar a estrutura dun muíño, unha mina de auga, carballeiras, acivros, espiños, estripeiros e zonas húmidas, nas que destaca a presenza de fieitos e dalgún freixo.

A segunda parte lévanos ata o Apertado do Laxindo e o camiño descende en poucos metros ata a beira do río Tambre por un firme irregular e desniveis altos. Esta segunda parte percorre unha distancia de 0.6km de ida e outros 0.6km de volta. Non é accesible para carros nin cadeiras de rodas. O camiño atravesa carballeiras, repoboacións e zonas de cultivo ata rematar nun bosque de ribeira con fermosos exemplares de arborado autóctono.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o xoves 9 e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes. En caso de choiva, suspenderase a saída.

A programación infantil con Apego do primeiro semestre de 2022 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ruta de Apego pola ribeira do Tambre o vindeiro día 10"

Enfoques: "Una visita guiada recorrerá la Ruta do Apego de Ames el próximo 10 de junio"

Lingua, natureza e patrimonio na visita guiada á Ruta do Apego o venres 10 de xuño

Multimedia

  • Lingua, natureza e patrimonio na visita guiada á Ruta do Apego o venres 10 de xuño