- Tematica
A Concellaría de Mocidade organiza un novo concerto de música en directo. Desta volta, a cargo do grupo galego Los Jinetes del Trópico. Será este sábado, 18 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A banda presentará ao público amesá temas do seu disco debut, “Cabalgando pola ría”, no que mesturan ritmos tropicais con música latinoamericana, como o reggaeton ou a cumbia. As entradas son de balde. Tan só hai que entrar na Billeteira electrónica do Concello e retirar o convite.
O grupo Los Jinetes del Trópico formouse no ano 2015 en Monforte de Lemos, coa xuntanza de tres músicos con experiencia na música tradicional galega. Co obxectivo inicial de combinar a tradición musical galega coa verbena, a formación foi evolucionando, incorporando novos ritmos e experimentando coa fusión con xéneros tan dispares como a cumbia, o reggaeton, o punk, o ska ou o reggae.
En 2020 lanzaron o seu álbum debut, “Cabalgando pola ría”, un proxecto de dez cancións co que percorren salas de toda Galicia. Os tres integrantes do grupo son Ninico, na percusión; Toñyto García, co trombón e voces, e Porri Rodríguez, tamén vocalista.
A banda chega a Ames con máis de 300 concertos en 5 anos, e con experiencia en festas, festivais como o Atlantic Fest ou As Revenidas, e mesmo en televisión, xa que veñen de participar no concurso “Got talent” na súa edición de 2021. Os convites para o evento, que son de balde, xa se poden reservar a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, anima á veciñanza de Ames a entrar na Billeteira electrónica e retirar os convites para acudir ao concerto de Los Jinetes del Trópico. “Este concerto enmárcase dentro da programación de Nadal da Concellaría de Mocidade. A programación continúa o día 22 cunha xornada de cultura urbana no anfiteatro de Lapido”.