Solapas principales

A Luz de Rosalía ilumina xa as zonas máis transitadas do concello

Lunes, 22 de febrero de 2021

Desde o pasado domingo, os versos de Rosalía de Castro pódense ler nos farois das rúas máis transitadas do Concello de Ames. A acción responde ao programa “A luz de Rosalía”, unha intervención poética deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria do concello que, un ano máis, xuntan esforzos para celebrar o aniversario da poeta da Maía espallando o seu pensamento e a súa obra con traballos realizados pola rapazada amesá. A veciñanza poderá gozar desta exposición urbana até o día 7 de marzo. 

“O seu compromiso e a luz de Rosalía seguen sendo imprescindibles hoxe e sempre para avanzarmos como pobo”, manifesta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. Rosalía como luz, como faro, como guía de actitude e de pensamento. Nesta ocasión o soporte para espallar as verbas de Rosalía serán os farois das zonas máis transitadas de Bertamiráns e do Milladoiro. De aí, “A luz de Rosalía”, o nome co que se denomina a campaña.

O alumnado de infantil e primaria do concello, escribiu e pintou estas lonas poéticas sobre os PVC que previamente entregou nos centros educativos o Servizo de Normalización Lingüística. A rapazada abeirou aos versos da poeta ríos, flores, paxaros, arbores, casiñas e campanarios, provocando que cada unha dos traballos amose a creatividade da que fan gala os nenos e as nenas de Ames. En cada lona sinálase ademais a aula que o realizou e o colexio ao que pertence.

Participan no proxecto o CEIP Agro do Muíño, os CEIP de A Maía, Barouta e Ventín, a Escola Infantil do Milladoiro e as escolas unitarias de Covas e da Tarroeira. A exposición urbana estará definitivamente instalada o día 22 de febreiro e alongarase até o 7 de marzo.

“Os obxectivos centrais desta intervención son revitalizar o pensamento, a figura e a obra de Rosalía de Castro, pór en valor o vínculo da escritora co concello e achegar referentes públicos que contribúan a recoñecer a nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos”, manifesta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.

Redes de colaboración cos centros de ensino
“Ademais -engade Pampín- con esta acción afianzase o obxectivo de establecer redes de colaboración entre e cos centros de ensino do concello ao tempo que se socializa o traballo da comunidade educativa amesá e se sensibiliza sobre o respecto e o coidado do noso patrimonio natural e cultural.

O Servizo de Normalización Lingüística e os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria do concello levan varios anos abordando accións que axuden a afianzar o coñecemento dos rapaces e rapazas da figura obra e pensamento de Rosalía de Castro desde as idades máis temperas. E que, ao mesmo tempo, sirvan para facer presente a figura da poetisa entre a cidadanía amesá. Aínda se poden ver e parques e xardíns, as lousas cos versos rosalianos que pintou a rapazada anos atrás. Tamén tiveron moita repercusión os cartaces que pegaron nos portais e os traballos que amosaron nos escaparates a través da campaña “As fiestras de Rosalía”.

Cartaz A Luz de Rosalía

Multimedia

  • Cartaz A Luz de Rosalía na praza do Concello
  • Cartaz A Luz de Rosalía
  • Cartaz A Luz de Rosalía
  • Cartaz A Luz de Rosalía
  • Cartaz A Luz de Rosalía
  • Cartaz A Luz de Rosalía