Solapas principales

Maianas presentan o seu novo disco Fala de min! o sábado, 27 de xullo, no parque do Ameneiral

Miércoles, 24 de julio de 2024

O parque do Ameneiral, situado en Bertamiráns, acolle o próximo sábado, 27 de xullo, ás 20.00 horas, a presentación do novo disco das Maianas. Fala de min! é o novo traballo discográfico do grupo de cantareiras Maianas, que está formado por doce pezas de composición propia e versións de temas populares. O grupo de cantareiras Maianas formouse no ano 2007 no concello de Ames, tras coñecérense as súas integrantes nos obradoiros municipais de baile e música tradicional do Concello de Ames.

Fala de min! é o novo traballo discográfico de Maianas, formado por doce pezas de composición propia e versións de temas populares. Nas cancións do novo disco hai oco para a rexouba, o amor e o desamor, a nostalxia e a vontade de seguir sementando cultura e tradición. Os ritmos lévannos dende a muiñeira e a xota ata a rumba, a habanera ou o blues, con melodías que xogan harmonicamente coas voces.

É un traballo no que seguimos escoitando o son que caracteriza a Maianas, que combinan a base de pandeiretas e pandeiros tradicionais coa guitarra española, o clarinete e outros instrumentos de percusión. O público poderá escoitar por primeira vez o conxunto dos temas o sábado 27 de xullo, nun concerto de presentación que ofrecerá o grupo no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, ás 20:00 horas.

O disco Fala de min! chega catro anos despois do seu traballo De trisca!, co que percorreron boa parte da xeografía galega. O grupo aposta pola distribución da súa nova música nas plataformas dixitais, onde xa se poden escoitar tanto os temas de De trisca! como algúns que adiantan a publicación do álbum Fala de min! O novo disco tamén se distribuirá en formato físico, que o público poderá seguir atopando nos concertos de Maianas.

Maianas formouse en 2007 nos obradoiros municipais de baile e música tradicional
O grupo de cantareiras Maianas formouse no ano 2007 no concello de Ames, tras coñecérense as súas integrantes nos obradoiros municipais de baile e música tradicional. Nese ano publicaron o seu primeiro traballo, Xota da Amaía, cun repertorio puramente tradicional. Xa no 2011 o grupo sacou o seu segundo disco Como canta, no que comenzaron a introducir temas de composición propia, a experimentar cos xogos vocais e a integrar novos instrumentos.

Ao longo destes anos percorreron Galicia con todo tipo de concertos, foron gañadoras do Premio do Xurado do concurso da Radio Galega Vas sacar nota? no 2012, gañaron o certame Novos Valores promovido polo Festigal no 2015 e participaron en programas radiofónicos e televisivos como o Luar ou Lume na Palleira.

Tamén levaron a súa música a colexios de educación infantil e primaria a través de concertos didácticos. Apostaron ademais por achegar a música tradicional á veciñanza amesá, organizando entre os anos 2008 e 2018 o Festival de Música Tradicional Val da Maía, por onde pasaron agrupacións musicais de toda Galicia, e ofrecendo no 2019 a primeira edición do Serán da Maía.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Maianas desvela los temas de su cuarto disco el sábado en Bertamiráns tras unirse hace 17 años"

La Voz de Galicia: "Maianas presenta su nuevo disco en Ames, en casa, tras cuatro años sin publicar"

Maianas presentan o seu novo disco Fala de min! o sábado, 27 de xullo, no parque do Ameneiral

Multimedia

  • Maianas presentan o seu novo disco Fala de min! o sábado, 27 de xullo, no parque do Ameneiral
  • Maianas presentan o seu novo disco Fala de min! o sábado, 27 de xullo, no parque do Ameneiral