O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este pasado xoves, 6 de febreiro, a primeira xuntanza ordinaria do Pleno do Consello sectorial da Cultura de 2025. En dita xuntanza presentouse o informe – memoria Ames Cultura de 2024, no que se recolle a actividade de dinamización cultural, das bibliotecas municipais e da escola de música durante o ano pasado. Ademais, fíxose un avance sobre a programación de dinamización cultural que está pechada para 2025; e falouse de posibles cambios nas distintas liñas de subvencións que dependen do departamento de Cultura. Pódese consultar o informe completo na seguinte ligazón.
No primeiro punto da orde do día presentouse o informe – memoria Ames Cultura de 2024, no que se recolle a actividade de dinamización cultural, das bibliotecas municipais e da escola de música durante o ano pasado. Ao longo de 2024 asistiron 2.535 persoas á programación de artes escénicas e do movemento, a través da cal houbo 16 representacións de teatro e danza, subvencionadas tanto pola AGADIC como por recursos propios do Concello.
Neste eido realizouse unha avaliación da programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024, na que se obtivo unha valoración moi positiva e destaca que existe unha fidelidade no público, cunha ampla cantidade de persoas que asisten regularmente ás funcións. Sobre a localidade onde residen as persoas que acoden a ver as pezas o 62,10% son de Ames; 20,7% de concellos da comarca de Santiago de Compostela; e o 17,20% de concellos de fóra da comarca de Santiago de Compostela. Existe unanimidade sobre que a programación dirixida a público infantil sexa os venres ás 18:00 horas, mentres o 86,70% gústalle que a programación dirixida a público adulto sexa os venres. En canto a como a veciñanza coñece a programación de artes escénicas, o 63,30% indicou que é a través da Billeteira electrónica. Por último, o 50% indica que a programación é moi boa, o 36,70% bastante boa, e o 13,30% considera que é boa.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca “a ampla variedade da programación municipal, con propostas para todos os públicos. Os datos de programación e participación de 2024 amosan que estamos traballando na boa dirección nas actividade de dinamización cultural, das bibliotecas municipais e da escola de música. O obxectivo é darlle continuidade as actividades que están funcionando ben e incluso ampliar a programación se é posible”.
Participación nas actividades de dinamización cultural
En canto á participación, en dito informe recóllese que 2.535 espectadores acudiron á programación de artes escénicas, 853 ao ciclo de monólogos, máis de 200 persoas participaron na xornada celebrada en Ames do festival de danza e movemento ABANEA, 1.056 persoas acudiron ao festival de maxia FestiMax, 411 espectadores gozaron da Mostra de teatro afeccionado, 279 persoas participaron nos ciclos Abril de Cine Cine de Outono, 1.000 nenos/as e adultos acudiron ao festival internacional de cine infantil Cinema Miúdo, 350 espectadores estiveron no festival Ames Jazz, 500 persoas nas Noites en Vela, máis de 2.000 persoas asistiron ao festival Millarock, e 500 persoas acudiron á programación de Santa Icía.
Ademais, hai ter en conta o público que non está contabilizado que acudiu ás sete sesións dos Seráns de Ames, que se celebraron en Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón; e a programación de Ames en Festas, que por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames colaboraron, para organizar 10 días de festexos dende o venres 2 ao martes 6 de agosto, no Milladoiro, e do mércores 7 ao domingo 11 de agosto en Bertamiráns. Outros programas e actividades, que o departamento de Cultura organizou ou colaborou na súa organizaron, estiveron relacionados coa celebración do Entroido, o Día de Galicia e co Nadal.
Por outra banda, a Escola de Teatro tivo unha boa acollida en 2024, con case todos os grupos completos e algúns, como o municipal, con lista de agarda. En total, participaron 75 alumnos e alumnas.
Ademais, a Concellaría de Cultura do Concello de Ames ofrece residencias artísticas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para creadores e compañías profesionais, tanto consolidadas como emerxentes, que traballen no ámbito das artes escénicas. A cambio, as compañías deben propoñer actividades pedagóxicas dirixidas á comunidade educativa, promover o teatro, fomentar a creación de novos públicos e presentar as súas novas producións. No 2024 as seguintes compañías solicitaron o espazo para ensaiar as súas producións: Grupo Chévere, Fran Sieira Compañía de danza, Arturo Cobas, Teatro do Noroeste, Xampatito pato, Can Cun Quinqué e maila compañía LaGriot´te.
Música nas parroquias
Música nas parroquias é programa de apoio ás festas populares, no que varios grupos de música profesional e outros de música tradicional do concello actúan nas celebracións das distintas parroquias. En 2024 este programa tivo moi boa acollida, pois son as propias asociacións ou comisións de festas as que solicitan ao concello os grupos e colaboran na organización das actuacións. Tiveron lugar 44 actuacións nas distintas parroquias do concello: 38 foron realizadas polos grupos locais de Ames, 3 de bandas de música e 4 de grupos de música profesional: Treixadura, Banda Bacana, Banda da Balbina e Guadi Galego.
Bibliotecas de Ames
Durante o 2024 as actividades de Animación á Lectura para o público infantil xiraron arredor de tres eixos de actuación: contacontos, obradoiros e visitas escolares. O programa de contacontos é unha campaña de animación á lectura que se leva desenvolvendo desde o ano 2004. As sesións, dirixidas ás nenas e nenos de 3 a 8 anos, leváronse a cabo durante tres tardes consecutivas unha vez ao mes en cada unha das bibliotecas. Nestas sesións participaron 489 rapaces e 416 adultos.
Os obradoiros están dirixidos ao público infantil a partir de 9 anos e están, na súa maioría, baseados nos centros de interese e nas datas sinaladas no Calendario do Libro e da Lectura publicado pola Xunta. Nestas actividades participaron 269 rapazas e rapaces. Nas visitas escolares feitas no ano 2024 atendéronse a 270 rapaces e 30 adultos, que viñeron da Escola Infantil EEI O Milladoiro, da Escola Infantil Pequedinos e o servizo de Nadal Lúdico do Milladoiro.
Por outra banda, as bibliotecas de Ames organizan dous tipos de actividades de animación á lectura para o público adulto: Encontros Literarios, no que houbo 10 presentacións en 2024 cunha participación de 387 persoas; e o Club de Lectura do Milladoiro que leva en funcionamento uns 15 anos. En dito Club hai unhas 18 persoas apuntadas, cunha asistencia media de 14 persoas por sesión. Cada ano celébranse unhas 20/21 sesións cunha participación total de 276 persoas.
Escola Municipal de Música
Durante o 2024 estiveron matriculados 186 alumnos/as nas distintas especialidades ofertadas. En 2024 realizaron as seguintes actividades: audicións de febreiro; concerto miúdo de Entroido e festival de Entroido (participaron arredor de 120 alumnos e alumnas e houbo 450 espectadores); obradoiros musicais; Encontro de Escolas de Música; actuación no XXI Certame literario do Concello de Ames; audicións de fin de curso; festival fin de curso (asistiron un total de 300 persoas); concerto de Música Clásica con explicación didáctica (asistiron un total de 200 persoas); actuación de Santa Icía; e actuación no acto de acendido do alumeado de Nadal.
Avance da programación de 2025
No segundo punto da orde do día, fíxose un avance sobre a programación de dinamización cultural que está pechada para 2025. Deste xeito, organizarase do 22 ao 25 de maio a segunda edición do ciclo de monólogos, unha actividade que se puxo en marcha en 2024, e que tivo moi boa acollida entre a veciñanza amesá. Tamén se volve acoller o 16 de xullo unha das xornadas do festival de danza e movemento ABANEA. As Noites en Vela volverán a celebrarse na Ponte Maceira o 19 de xullo; e o Millarock será o 1 de agosto.
Subvencións municipais de Cultura
Outros dos puntos abordados estivo relacionado con posibles cambios nas subvencións que dependen do departamento de Cultura. Deste xeito, presentáronse os borradores das bases para 2025 das axudas en especies para festas populares; para a promoción de actividades culturais; e para a organización de festexos tradicionais. Un dos cambios afecta á modificacións dos textos das tres liñas de axudas para adaptalos á ordenanza xeral de subvencións publicada no BOP o pasado 4 de febreiro.
Nas bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades culturais inclúese o alugueiro de locais dentro dos gastos subvencionables. Ademais, realízanse cambios na concesión de ditas axudas: 50% no momento da aprobación da concesión e o 50% restante no momento da aprobación da xustificación.
Nas bases da convocatoria de axudas para a organización de festexos tradicionais tamén se introduciron cambios na concesión de ditas axudas: 50% no momento da aprobación da concesión e o 50% restante no momento da aprobación da xustificación. Ademais, para solicitar estas axudas será imprescindible que a comisión/asociación solicitante estea inscrita no rexistro municipal de asociacións.
Nas bases da convocatoria de axudas en especies para festas populares tamén se introduciron cambios. Unha vez que se teñan valoradas todas as solicitudes presentadas nos prazos establecidos, no caso de que a suma do importe das actuacións adxudicadas non superase o orzamento máximo da convocatoria (24.000 euros), co sobrante poderanse valorar novas solicitudes presentadas fóra de prazo, aínda excedendo o número máximo de actuacións e límite orzamentario asignado a cada parroquia. As asociacións culturais ou veciñais e comisións de festas non poderán solicitar dúas actuacións da mesma agrupación musical para a mesma festa.
Participaron na xuntanza 13 asociacións
A xuntanza estivo presidida polo alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, e pola técnica do departamento municipal de Cultura, María Vázquez. Participaron un total de 13 asociacións (11 que forman parte do Pleno e outras 2 que amosaron interese en asistir), concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e BNG.
As 11 asociacións, que forman parte do Pleno do Consello sectorial da Cultura, e que asistiron á xuntanza foron: asociación cultural Antonio Santomil, asociación cultural e xuvenil Val da Maía, asociación cultural Os Castros, asociación cultural Lojo Batalla de Tapia, asociación cultural Follas Novas, asociación cultural e Festexos Virxe da Peregrina, asociación veciños San Pedro de Bugallido, asociación socio cultural de mulleres San Xoán de Ortoño, asociación cultural Retranqueiros, asociación cultural coro Son Elas, asociación de veciño Aldea Nova.
Tamén asistiron dúas asociacións que mostraron interese en participar en dita xuntanza: asociación veciñal Sociedade agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído e asociación de Veciños de San Xoán de Ortoño.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Más de 10.000 asistentes a actos culturales en 2024 en Ames"
El Correo Gallego: "Máis de dez mil persoas nas actividades culturais de Ames"