- Tematica
O Club de ciclismo Os Esfola Arrós e o Concello de Ames organizan un ano máis unha das probas do circuíto Transgalaica en territorio amesán. Esta é a sexta proba do circuíto Transgalaica que se organiza en Ames. Así, este domingo 13 de marzo o municipio acollerá a segunda proba do circuíto Transgalaica 2022, que partirá do Pazo da Peregrina ás 9.30h e percorrerá distintos puntos da xeografía do concello. Na proba participarán un total de 408 ciclistas. Premendo neste enlace poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga con motivo da proba.
O circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa un ano máis por Ames, na que é xa a sexta cita consecutiva no concello sen contar o parón de 2021 por mor da situación epidemiolóxica. A proba, que terá lugar este domingo 13 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2022. A primeira etapa tivo lugar o pasado 27 de febreiro en Cerdedo-Cotobade, mentres que as tres seguintes disputaranse ao longo de marzo e abril na Estrada, en Silleda e en Manzaneda.
Os 408 ciclistas que están inscritos nesta proba terán que percorrer un circuíto de 33 quilómetros ao que terán que dar dúas voltas. A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada. Para consultar a guía do ciclista da segunda proba da Transgalaica 2022 pódese premer nesta ligazón.
Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 11:00h e a segunda sobre as 12:30 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo da Peregrina. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 13:30 horas na avenida na avenida José Luis Azcárraga, lugar onde estará instalada a liña de saída e maila meta. As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (júnior, S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (júnior, S23, elite e máster) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día).
Orde de saída e clasificacións
A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores establecerase unha clasificación por categorías para a cal puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.
Ademais destas puntuacións, haberá trofeos para os tres primeiros de cada sub-categoría, tanto masculina (júnior, S23, elite, M30, M40, M50/60), como feminina (elite-sub23 e máster). Todas as persoas participantes recibirán un pequeno obsequio conmemorativo pola súa asistencia.
Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico, debido a que servirá como punto de saída e meta. Por unha banda, dende o sábado 12 ás 23:00 ata o domingo ás 15:00 horas non se poderá estacionar na rúa. Ademais, o tráfico quedará cortado ata o cruce coa vía que vai cara a Casas do Monte (Covas), dende as 7:30 ata as 15:00 horas do domingo 13 de marzo.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, celebrou a volta deste evento deportivo, o último en desenvolverse en 2020 antes do comezo do confinamento por mor do coronavirus. “Volver a celebrar esta proba é unha esperanza e unha sinal de que parece que todo volve a rodar. Esta proba ten unha gran aceptación, tal e como o demostra as máis de 400 persoas inscritas. Dende o Concello estamos sempre encantados de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que organizan. Agradecémoslle ao Club de ciclismo Os Esfola Arrós o esforzo que fan coa organización deste evento”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "A Transgalaica levará hoxe ata Ames a máis de 400 participantes"
AMSGO!: "A Transgalaica pecha un parón de dous anos en Ames este domingo"