- Tematica
O Concello de Ames organiza para todos os veráns un programa de campamentos municipais. Este ano estas actividades comezaron o pasado 25 de xuño e realizaranse ata o 2 de setembro. En total, dito programa inclúe a realización de 9 campamentos diferentes ao do longo do verán. Sete destes campamentos son organizados pola Aula da Natureza e dous pola OMIX. Coa súa organización, búscase ofrecer unha oferta formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar ás crianzas e ás mozas e mozos das ferramentas precisas para lograr a autonomía e a independencia, ao tempo que se promove a cooperación e o respecto, ademais dun estilo de vida saudable ligado ao medio natural, ao deporte e á cultura. Nestes nove campamentos participarán uns 408 rapazas e rapaces.
Cada campamento, dos 9 que o Concello de Ames organizou para xuño, xullo e comezos de setembro, ten as súas propias características; porén todos comparten o obxectivo de ofrecer ás rapazas e rapaces amesáns unha alternativa de lecer e educativa durante o verán. Sobresae, asemade, o compoñente ambiental común a todos eles. Os primeiros en realizarse foron os das Fervenzas do Toxa, que se desenvolveron do 25 ao 27 de xuño. Os días 25 e 26 de xuño acudiron a este campamento 12 nenos e nenas de 4 e 5 de infantil, mentres que do 25 ao 27 de xuño participaron neste mesmo campamento 22 rapaces e rapazas de 6º de infantil.
Os seguintes campamentos que se van a desenvolver esta mesma semana son os de Mar de Arousa, o Galipark multiaventura e o das Fragas do Eume. Deste xeito, do 2 ao 5 de xullo, 98 rapaces e rapazas de 3º e 4º de educación primaria participarán no campamento de multiaventura Galipark, onde terán actividades como escalada e tirolina, kayak, cars ou xogos cooperativos, entre moitos outros.
Ademais, do 1 ao 6 de xullo, 49 rapaces e rapazas de 5º de primaria participarán no campamento das Fragas do Eume, onde participarán en xogos de orientación, escalada, raid, sendeirismo e outras actividades acuáticas. Nestas mesmas datas, do 1 ao 6 de xullo, 65 rapaces e rapazas acudirán ao campamento Mar de Arousa, dirixido a rapaces/as de 6º de primaria, que poderán practicar snorkel, bodyboard, xincanas na praia e moitas outras actividades.
Por outra banda, a finais do mes de xullo, do 29 ao 31 de xullo, 43 rapaces e rapazas acudirán á Granxa-Escola Barreiros, onde realizarán traballos de granxa e horta, teares, actividades sobre astronomía, e moitos xogos populares e grandes veladas. Ademais, durante o mes de xullo desenvolverase o campamento urbano da Aula da Natureza no que participarán32 nenos/as de 6 a 14 anos. Este campamento realizarase entre os días 8 e 20 deste mes, de luns a venres, en horario de 16:00h a 20:00 horas.
Campamentos xuvenís
Durante o mes de xullo tamén se realizarán dous campamentos dirixidos a mozas e mozos de educación secundaria e bacharelato. Desta maneira, entre o 14 e o 20 de xullo, 48 rapazas e rapaces de 1º a 3º de ESO participarán no campamento xuvenil Diverlanhoso de Portugal. Case nas mesmas datas, entre o 15 e o 20 de xullo, o alumnado de 4º da ESO a 2º de bacharelato terá a oportunidade de asistir á saída Aventura por Asturias. Neste campamento participarán 30 mozos e mozas.
Campamento no mes de setembro
O último campamento do verán desenvolverase entre o 28 de agosto e o 2 de setembro, na Granxa Escola Kirico. Nel participarán 38 rapaces e rapazas entre os 6 e os 16 anos. As actividades que se desenvolverán serán diferentes segundo as idades dos/as participantes. Coidarán animais de granxa, participarán en actividades de hípica, piscina, hora sostible, piragüismo, xogos de cooperación e deportivos, xornadas temáticas e grandes xogos nocturnos.