Solapas principales

Máis de 650 persoas participarán na VI edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre deste domingo

Viernes, 21 de febrero de 2025

Este domingo celebrarase a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e, de novo, volveu a bater o récord de inscricións do ano anterior. En total participarán 672 persoas; 258 no trail longo, 203 no trail curto, 171 na andaina e 40 persoas inscritas para o I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic. A proba, organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, dará comezo ás 10.00 horas desde A Ponte Maceira. Os participantes poderán recoller os seus dorsais a partir das 08.15 horas nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro. Pódese consultar o regulamento da proba na seguinte ligazón.

Este pasado mércores 19 de febreiro pechou o prazo de inscrición para a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebrará este domingo 23 de febreiro. Un ano máis, volveron a superarse as cifras de inscrición de edicións pasadas. Este ano participarán un total de 672 persoas entre todas as categorías, batendo amplamente as 522 inscricións do ano pasado.

Así mesmo, a incorporación nesta sexta edición do I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic, traerá á proba algúns dos mellores deportistas desta disciplina ao noso concello.

Ponte Maceira volve a ser un ano máis o punto de partida deste evento deportivo, tanto para o trail como para a andaina. Os participantes do trail, cunha distancia de 16 quilómetros, sairán ás 10.00 horas, mentres que os da andaina, que terán que percorrer unha distancia de 15 quilómetros, sairán cinco minutos máis tarde, ás 10.05 horas. A meta para todas as probas será no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda.

Categorías
No trail longo haberá catro categorías: senior masculino e feminino (dos 18 ata os 34 anos); master 1 masculino e feminino (de 35 a 49 anos cumpridos o día da proba); master 2 masculino e feminino (de 41 a 49 anos), e master 3 masculino e feminino (persoas con máis de 50 anos). Para o trail curto, establécense tres categorías: senior masculino e feminino (persoas nadas no 2007 e anteriores); sub 16 masculino e feminino (nados entre o 2010 e 2011), e sub 18 masculino e feminino (nados entre 2008 e 2009).

No caso da andaina, non se establecen categorías de participación mais a idade mínima de participación é de 12 anos. Os menores que participen na andaina, deberán de ir acompañados en todo momento por unha persoa adulta maior de 18 anos.

Premios
Haberá premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada  categoría nos trails, ademais de premios para os tres primeiros equipos federados. Na mesma liña, todos os participantes das probas recibirán un agasallo técnico (que se poderá recoller xunto co dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios realizarase a partir das 12.45 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

Máis de 650 persoas participarán na VI edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre deste domingo
Descargas: 

Multimedia

  • Máis de 650 persoas participarán na VI edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre deste domingo