Solapas principales

Máis dun cento de persoas participaron na primeira Andaina Saudable amesá de 2022

Lunes, 24 de enero de 2022

O pasado sábado 22 tivo lugar a primeira das saídas de fin de semana que a Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde organiza baixo o seu programa de Andainas Saudables, que volven neste 2022 con seis rutas repartidas ao longo do primeiro semestre de ano. Unhas 100 persoas gozaron da terceira e a cuarta etapa do Xiro dos Montes, nunha xornada de sol na que as participantes percorreron case nove quilómetros, pasando polo Monte de Deus, o Pedroso e o de Vidán.

O programa de Andainas Saudables comezou o pasado mes de setembro, con catro rutas repartidas mensualmente ata decembro. Este sábado 22 volveron, mantendo a mesma dinámica de grupo familiar que en edicións anteriores, nun día de natureza, regatos, costas e baixadas, “unha paisaxe marabillosa e unha compañía inmellorable”, segundo a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo.

A xornada comezou dende o Monte de Deus, coa terceira etapa do Xiro dos Montes, duns 5,31 quilómetros. Dende o monte, as persoas participantes baixaron cara ao río Sarela, para despois continuar ata a aldea de Montes percorrendo a ladeira do Monte Pedroso. A ruta continuou dirección Granxa do Xesto, un espazo con parque infantil no que se fixo unha breve parada para preparar o ascenso ao cumio do Pedroso. Dende alí, a veciñanza puido gozar das vistas a máis de 25 quilómetros á redonda dende o miradoiro do Monte Pedroso, grazas aos ceos despexados e ao sol que ocupou todo o día do sábado.

Dende o Monte Pedroso arrincou a cuarta etapa do Xiro dos Montes, pola que o grupo se dirixiu ao Monte de Vidán, camiñando algo máis de tres quilómetros. Tras descender o Pedroso e volver a pasar pola Granxa do Xesto, dirixíronse á estrada de Figueiras, dende a cal colleron rumbo ao Camiño de Fisterra, achegándose antes á aldea de Bar. A xornada rematou en Vidán e no seu miradoiro, despois de percorrer uns 8,6 quilómetros, de gozar do deporte e do entorno, e de conversar e crear vínculos.

É precisamente a consolidación do grupo que participa decotío nestas actividades de fin de semana o que máis destaca a concelleira, Luísa Feijóo, que sinala que as andainas son para moita xente “unha actividade máis marcada nas súas axendas”. “É unha forma de quedar e compartir con veciñas, familia ou amizades, e que xa forma parte das nosas rutinas. O grupo vai medrando polo boca a boca e iso fai que nos convertamos nun gran grupo de amigos e amigas, onde xa nos imos coñecendo todos un pouco máis, e así conseguimos esa confianza e complicidade que se repiten en cada saída”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ruta saludable por Ames"

El Correo Gallego: "Éxito da primeira andaina saudable con cen veciños no Xiro dos Montes"

 

Máis dun cento de persoas participaron na primeira Andaina Saudable amesá de 2022

Multimedia

  • Máis dun cento de persoas participaron na primeira Andaina Saudable amesá de 2022
  • Máis dun cento de persoas participaron na primeira Andaina Saudable amesá de 2022
  • Máis dun cento de persoas participaron na primeira Andaina Saudable amesá de 2022