Solapas principales

Mil racións de chourizo e cincocentas de orella serán servidas este domingo na XVII edición da Festa do chourizo ao viño que celebra Ortoño

Viernes, 07 de julio de 2023

A nova edición da Festa do chourizo ao viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao viño da parroquia de Ortoño, vai ter lugar este domingo, 9 de xullo. Un ano máis realizarase a degustación de orella cocida e de chourizos ao viño con cachelos. Nesta ocasión, ademais, amenizará o xantar a banda de gaitas e de baile rexional Os Castros. Como habitualmente, realizarase un campionato de chave por parellas e haberá inchables gratuítos para os nenos e nenas. A xornada rematará coa actuación da banda folk De Vacas, dentro da programación “Música nas parroquias”, organizada polo Concello de Ames. 

Un total de 1000 racións de chourizo e 500 de orella serán servidas na XVII edición da Festa do chourizo ao viño, que se celebrará este domingo, 9 de xullo. Os tiques para participar na festa, un dos eventos gastronómicos de maior tradición no concello, venderanse no campo da festa, onde se realizará o evento. Ademais do xantar, a festa inclúe unha tarde repleta de música e de opcións para que os máis cativos e cativas tamén poidan gozar.

Degustación de chourizo e orella
A xornada dará comezo ás 12:00 horas, coa celebración dunha misa cantada polos defuntos da parroquia. Unha vez rematada a eucaristía, a partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño e da orella de porco, para a que se instalará unha carpa. As racións poderanse comer acompañadas por viño do Ribeiro. Haberá tamén café e xeado.

As racións venderanse a prezos populares. Así, a tarteira con chourizos, pan, viño, café e xeado custará 13 euros, mentres que o prato de orella, o pan e o viño custará 6 euros.

Actuacións musicais e concurso de chave por parellas
Durante o xantar contarase coa actuación da banda de gaitas e baile rexional Os Castros, e coa dos mariachis Sol de Galicia, que acompañarán aos asistentes durante toda a tarde.

Tamén terá lugar, a partir das 16:00 horas, outra das tradicionais actividades da xornada, o campionato de chave por parellas das festas do chourizo ao viño. Todos aqueles que desexen participar poderanse inscribir no propio día, ata as 15:30 horas. Os/as gañadores/as recibirán uns trofeos doados polo Concello de Ames e outras sorpresas.

Por outra banda, para entreter aos nenos e nenas, instalaranse inchables gratuítos, cedidos á organización por Tikolandia.

Xa cara o final da xornada, os asistentes poderán gozar dunha actuación do grupo de música folk De Vacas, ofrecida polo programa “Música nas parroquias”, unha iniciativa da concellaría de Cultura de Ames. A banda De Vacas versiona temas comerciais á lingua galega, dándolles un formato retranqueiro e divertido.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La Festa do Chourixo de Ortoño, en Ames, agotó existencias"

Cartaz da festa do chourizo ao viño

Multimedia

  • Cartaz da festa do chourizo ao viño