- Tematica
A Concellaría de Mocidade organiza unha saída á estación invernal de Leitariegos, na provincia de León, para persoas de Ames de entre 15 (nados en 2006) e 30 anos. A viaxe terá lugar entre o venres 18 e o domingo 20 de febreiro, cun custe de 150 euros que inclúe desprazamento en autobús, aloxamento, comidas e todas as facilidades para practicar esquí. Nos casos de emerxencia social, a actividade quedará exenta desta taxa. O prazo de inscrición estará aberto unha semana, dende o martes 18 ata o 25 de xaneiro. As prazas adxudicaranse por orde de chegada ás persoas que presenten a seguinte solicitude e a documentación necesaria nos rexistros municipais, preferiblemente a través da sede electrónica do Concello de Ames.
A fin de semana na estación de esquí, parcialmente financiada pola Concellaría de Mocidade, inclúe desprazamento de ida e volta en autobús, aloxamento e pensión completa, que comezará coa cea do venres 18 e rematará coa comida do domingo 20. A hospedaxe está situada en Villablino, o núcleo máis importante da comarca do Val de Laciana, nunha zona tranquila preto do centro do vila, e a uns dezaseis quilómetros das pistas de esquí.
A estación invernal de Leitariegos está tamén ubicada na comarca do Val de Laciana, ao noroeste da provincia de León, que está cualificada como Reserva da Biosfera dende o ano 2003. Tratase dunha estación sinxela e familiar, nas que gozar da riqueza da paisaxe da zona. Coa saída, para que se ofertan un mínimo de 20 e un máximo de 40 prazas, búscase fomentar un ocio saudable e de contacto coa natureza, axudando a crear experiencias conxuntas e favorecendo as relacións interpersoais da mocidade participante.
No que respecta á práctica de deporte na neve, a taxa da excursión permite o acceso a curso de esquí de catro horas, ao que se engade o alugueiro de material e o forfait durante dous días, con seguro e monitores acompañantes as 24 horas. No caso dos participantes menores de idade, non é necesario que leven cartos, agás que sexa desexo dos seus responsables legais para pequenos gastos. De levalos, a organización non se responsabilizará deles.
Ademais, e como consecuencia da situación epidemiolóxica actual, cómpre destacar que será imprescindible para participar na actividade acreditar as medidas de seguridade sanitarias vixentes nas datas previas á excursión.
Inscricións e prazos
O prazo de inscrición estará aberto dende o próximo martes 18 ata o 25 de xaneiro. Presentarase nos rexistros municipais ou na sede electrónica do Concello a seguinte solicitude cumprimentada e asinada, así como unha copia do DNI da persoa participante e do seu representante legal (no caso de ser menor de idade), unha copia da tarxeta sanitaria e un certificado médico, no caso de doenzas, tratamentos ou alerxias alimentarias que deban ser tidos en conta.
O xoves 27 de xaneiro publicarase a lista de persoas inscritas na páxina web municipal e nos taboleiros oficiais do Concello. As prazas serán cubertas por rigorosa orde de inscrición no rexistro.
Abonamentos de taxas e exencións
O custe da actividade é de 150 euros, que se deberán abonar unicamente despois de que o departamento de Mocidade formalice e confirme a praza. Enviarase ao correo electrónico indicado na solicitude un impreso de autoliquidación, que incluirá os prazos para realizar o pagamento.
Nos casos de emerxencia social que conten con resolución do Concello de Ames, a actividade quedará exenta de pagar o 100% desta taxa. Neste caso, deberase anexar a documentación específica que acredite esta condición mediante o informe dos servizos sociais municipais.