- Tematica
A Xunta de Galicia vén de publicar no DOG as novas medidas para evitar a expansión da Covid-19. Pola súa parte, o Concello de Ames decidiu, pola seguridade da veciñanza, modificar a programación de actividades das Bibliotecas municipais ata mediado de novembro. A única actividade que se mantén é “Pequenas historias subversivas”, o vindeiro venres 30 de outubro. O resto de actividades aprázanse a novas datas.
As sesións de contacontos infantís que estaban previstos para o xoves, 22 de outubro, en Bertamiráns, anúlase. Do mesmo modo, cancélanse os que se ían celebrar os días 10, 11 e 12 de novembro.
Por outra banda, aprázanse os obradoiros para a rapazada que se ía celebrar o venres 23 e o sábado 24 no Milladoiro e en Bertamiráns á espera de concretar unha nova data coa empresa.
O contacontos para adultos “Arrolando as flores”, organizado por Vero Rilo, que se ía levar a cabo o venres 6 de novembro, adíase. A nova data está pendente de confirmación pero prevese realizarse no salón de actos da Casa da Cultura do Milladoiro. Se por aquel entón se limita o aforo, o evento trasladarase á biblioteca.
A única actividade que se mantén na data prevista, o venres 30 de outubro, ás 20.00 horas, é “Pequenas historias subversivas”. O contacontos para adultos, organizado por Dani Blanco, celebrarase na biblioteca de Bertamiráns. No caso de que acudan máis de 4 persoas, a actividade realizarase na Casa da Cultura.
Nesta actividade reflexionarase sobre asuntos como se Xosé Neira Vilas sabía que, cando escribira “Memorias dun neno labrego” no ano 1961, ía provocar que 28 anos máis tarde caira o muro de Berlín ou ata que punto o azar manexa as nosas vidas. Dani Blanco falará, tamén, sobre Biófilo Panclasta, que estivo en Cangas nos anos 60, ou Cachiño, o mariñeiro Rillote, e que tivo que facer para sobrevivir a un naufraxio en Tristán de Acunha, Ademais, o público preguntarase: Que pintan Los Tamara en todo isto?
Para máis información, pódese chamar aos números de teléfono 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro), 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns) ou enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.