- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle do 2 ao 12 de xuño a exposición fotográfica “Pinceladas”, do veciño de Ames José Luis Gigirey. A mostra inclúe unha serie de fotografías de natureza, coas que o autor busca reivindicar a beleza do cotiá e valores como a paciencia, a dedicación e a experiencia para obter instantáneas que marquen.
Tratar as súas instantáneas como “pinturas” fotográficas é a visión de José Luis Gigirey, que nos traballos que comparte nas súas redes sociais e exposicións busca mostrarnos en detalle o entorno que nos rodea, xa sexan plantas, insectos, bosques, praias, o ceo ou o mar.
Nesta ocasión, a Casa da Cultura de Bertamiráns será o espazo que acolla a súa mostra “Pinceladas”, que inclúe unha serie das súas fotografías de natureza, coas que busca poñer en valor a fotografía como unha arte, fronte a uns hábitos de consumo que na actualidade nos fan ver e cruzarnos con centos de instantáneas a diario. A exposición estará instalada no centro sociocultural dende hoxe, 2 de xuño, ata o 12 de xuño.
A Concellaría de Cultura, ademais de elaborar unha programación de actividades propia, tamén permite o uso das instalacións do concello a todas aquelas persoas que desexen presentar as súas obras, espectáculos ou exposicións. Os espazos que se poden solicitar son as Casas da Cultura de Bertamiráns ou do Milladoiro, o Pazo da Peregrina, ou ben os locais sociais situados nas diferentes parroquias do municipio.
Novas relacionadas:
Enfoques: "La Casa da Cultura de Bertamiráns acoge la muestra de fotografía ‘Pinceladas’ de José Luis Gigirey"