Solapas principales

Na semana de sensibilización sobre o dano cerebral, a Casa de Maiores de Milladoiro acolle unha charla informativa sobre esta doenza

Lunes, 25 de octubre de 2021

Coincidindo coa semana de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido, a Casa dos Maiores de Milladoiro acolle o mércores, 27 de outubro, ás 19:00 horas unha charla informativa sobre esta doenza. O evento está organizado pola Asociación Sarela en colaboración co Departamento de Promoción da Saúde de Ames. Ademais, a Casa do Concello tínxese de azul hoxe, 25 de outubro, e mañá, 26, co obxectivo de facer fincapé na necesidade de traballar na prevención e na investigación desta enfermidade que cada ano afecta ao redor de 50.000 persoas en Galicia.

Alba Mouzo, terapeuta ocupacional da Asociación Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela) será a encargada de impartir a charla que leva por título "Dano Cerebral" na que se dará resposta a preguntas como que é o Ictus e cal é a súa primeira causa, que recursos especializados existen para tratalo e como previlo. Ademais, o día 27 de outubro, o concello tinxirase de azul para lembrar á cidadanía a importancia da data. Previamente, as Casas de Cultura de Bertamiráns en Milladoiro acolleron a exposición "Punto e seguido", unha mostra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, protagonizada polos usuarios/as de distintas asociacións que se dedican ao coidado das persoas con dano cerebral en Santiago, Lugo e Ourense.

A concelleira de Sanidade e Benestar Social, Luísa Feijóo, amosase satisfeita coas accións que o seu departamento pon en marcha para concienciar á cidadanía sobre a atención que se debe prestar a esta enfermidade: "Coñecer a enfermidade, as súas consecuencias e os coidados que require, e tamén, na medida do posible insistir nos hábitos de vida saúdable que poden previla, resulta imprescindible especialmente chegadas unhas idades; por iso eliximos a Casa dos Maiores para esta charla que, de seguro dará resposta a moitas destas cuestións".

O departamento que dirixe Luísa Feijóo recomenda ademais o visionado dunha serie de traballos que reflicten o impacto e os coidados que esixe esta doenza. "Eu non son o meu dano cerebral", "O coidado informal no dano cerebral", "O mundo púxose o revés", "Punto e Seguido, a vida despois do dano cerebral adquirido" e "Ictus, a principal causa do dano cerebral" son algúns dos títulos que tamén se proxectarán nas pantallas municipais instaladas no Concello e nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Actividades de FEDACE

Por outra banda, a concellaría de Benestar Social de Ames convida á veciñanza a participar no concurso “Mano en la cabeza” a través do que a “Federación Española de Daño Cerebral” pide á cidadanía subir fotos ou vídeos co hashtag #Día.Daño.Cerebral; as fotos deberán representar a persoas coa man na cabeza e o obxectivo é sumar accións que visibilicen a enfermidade. As persoas que participen antes do 26 de outubro entrarán no sorteo dunha colección de publicacións e guías FEDACE.

As actividades da semana de sensibilización do dano cerebral culminan o venres 29, Día Mundial do Ictus (que é a primeira causa do dano cerebral) coa recepción na compostelá Praza do Obradoiro a Christian Salamin, que peregrina desde Noruega para sensibilizar sobre a doenza. A concellaría que dirixe Luísa Feijóo tamén convida a cidadanía a participar nesta acción.

Novas relacionadas

Lindeiros: "Charla en Ames sobre dano cerebral"

Semana de sensibilización do dano cerebral

Multimedia

  • Semana de sensibilización do dano cerebral
  • Semana de sensibilización do dano cerebral