Solapas principales

Nace o A-Bono Cultural para facilitar a asistencia aos espectáculos de teatro, música e danza

Viernes, 15 de enero de 2021

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, desenvolve, dentro da programación cultural, diversos espectáculos de índole musical, teatral, danza, maxia, e outras disciplinas artísticas. Estes espectáculos están incluídos ou subvencionados pola Rede Cultural da Deputación e pola Rede Galega de Teatros e auditorios, ou son programados directamente polo propia Concellería. Para facilitar a asistencia da veciñanza á ditos espectáculos vén de aprobarse en Xunta de Goberno Local a creación do A-Bono para asistir aos sete espectáculos dirixidos a público infantil e aos seis espectáculos para público adulto que se van a desenvolver durante o primeiro semestre de 2021.

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécense prezos reducidos e descontos, que pretenden estenderse ou ampliarse a diferentes colectivos, atendendo a circunstancias especiais, redundando así na fidelización do público, así como facilitar e xeneralizar entre a poboación o acceso a espectáculos, obras de teatro, actuacións musicais e similares, organizados polo Concello de Ames nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a posta á venda dun total de 10 bonos a un prezo de 14 euros/bono, válido para asistir aos sete espectáculos de teatro profesional dirixidos a público infantil (Paio e o poder da música , Voa voa!, Uxía (trío), CATRO, MAI MAI, almanaque musical, Don Gaiferos). Tamén se porán á venda un total de 10 bonos a un prezo de 15 euros/bono, válido para asistir aos seis espectáculos de teatro profesional dirixidos a público adulto (A Lingua das Bolboretas, O Montacargas , Sofía e as Postsocráticas, MOCOS, PINK UNICORNS, Liberto).

A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou que “por primeira vez no concello de Ames existe un bono cultural para poder asistir cun desconto do 50% a todos os espectáculos culturais que se programa nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, tanto para o público miúdo como o adulto. Estes descontos súmanse aos que teñen as persoas maiores de 60 anos; aos rapaces e rapazas menores de 12 anos; ás familias numerosas; os/as mozos/as con Carné Xove; os/as estudantes con carné, e as persoas demandantes de emprego”.

A venda de A-Bonos realizarase na Casa da Cultura do Milladoiro a partir do luns, 15 de xaneiro, os luns, xoves e venres, de 10:00 a 14:00 horas. Tamén se fará o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo de cada función (de quedar bonos dispoñibles). Para máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662377444. Preme nesta ligazón para obter máis información sobre os A-Bonos e a venda de entradas.

Tipo de A-Bonos
-Abono Teatro Adulto: 15 euros. Válido para asistir aos seis espectáculos deste 1º semestre (A Lingua das Bolboretas, O Montacargas , Sofía e as Postsocráticas, Mocos, Pink Unicorns, Liberto ). Poñeranse á venda un máximo de 10 bonos.

-Abono Teatro infantil: 14 euros. Válido para asistir aos sete espectáculos deste 1º semestre (Paio e o poder da música , Voa voa!, Uxía (trío), Catro, Mai Mai, Almanaque musical, Don Gaiferos) . Poñeranse á venda un máximo de 10 bonos.

Venda de entradas
Cómpre lembrar que esta semana presentouse a programación cultural do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2021, que está composta de 13 espectáculos de teatro, música e danza, tanto para o público infantil como para o público adulto. Dita programación desenvolverase nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. En 2021 investiranse 50.000 euros para a programación de espectáculos, dos cales Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) achegará 24.125,77 euros e o Concello de Ames porá 25.874,23 euros. As entradas poderanse adquirir na Billeteira electrónica dende este xoves 14 de xaneiro.

As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Normas de organización e acceso ao recinto
• A venda de entradas pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo. Unha vez comezado o espectáculo, ninguén poderá acceder á sala.
• Solicítase a máxima colaboración anticipando a hora de chegada para evitar colas a última hora que produzan o atraso do comezo do espectáculo.
• As portas de acceso abriranse 15 minutos antes da hora prevista do comezo do espectáculo.
• Todo o público deberá contar con entrada, independentemente da idade ou de ocupar ou non butaca. Non poderá acceder ao recinto ninguén sen entrada para poder computar a capacidade efectiva por razóns de seguridade e conforme ao número de prazas permitido en cada recinto. A capacidade é única e compútase por persoas, non por butacas ocupadas.
• Non se admiten cambios nin devolucións.
• A organización informa, nos programas editados para a difusión de cada programación, sobre as idades recomendadas para de-terminados espectáculos. Solicitamos que, na medida do posible, se respecten esas recomendacións co obxectivo de garantir o seu correcto desenvolvemento.
• Nos espectáculos programados quedan reservados todos os dereitos de imaxe e de propiedade intelectual. As persoas portado-ras da entrada non poderán introducir cámaras de fotografar, de vídeo ou gravadoras; tampouco poderán filmar ou gravar o espectáculo sen autorización escrita do/a organizador/a; en todo caso, actuarase conforme os acordos e a lexislación vixente que corresponda.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Crean bonos amienses con precios reducidos para eventos culturales"

Nace o A-Bono Cultural para facilitar a asistencia aos espectáculos de teatro, música e danza

Multimedia

  • Cartel Abónate
  • Cartel informativo coa programación cultural do primeiro semestre de 2021
  • Modelo de A-Bono infantil
  • Modelo de A-Bono para adultos
  • Información de interese