Solapas principales

Nace “O domingo á tarde”, un programa musical para artistas de Ames

Sábado, 06 de marzo de 2021

A Concellería de Cultura vén de presentar unha nova iniciativa cultural. Trátase dun programa musical no que poderán participar artistas locais de Ames. Cada domingo, ás 20:00 horas, unha banda musical tocará en rigoroso directo en liña. O domingo, 14 de marzo, estrearase o programa coa actuación de Javier Constenla e Pilar Martínez, cun repertorio selecto de clásicos do Jazz. O próximo domingo 21 de marzo, o espectáculo correrá a cargo do grupo de mozos Battosai, que veñen recentemente de ser premiados no Xuventude Crea. Rematarase o domingo 28 co grupo de pandereteiras As Maianas. Para ver ditas actuacións hai que acceder a esta canle de YouTube.

A situación actual está a restrinxir as posibilidades de actuacións musicais ao vivo. Con todo, a demanda de contidos musicais segue intacta, e así o demostra o incremento de consumo en liña. Neste contexto, son contadas as ocasións nas que se pode atopar un contido musical dixital cun bo soporte e calidade técnica, sobre todo se falamos de concertos ao vivo.

Dende o primeiro momento no que a pandemia chegou, a Concellería de Cultura apostou por programar sempre que se poida, e reprogramar cando non sexa posible. Partindo desta idea, o departamento de Cultura presenta O domingo á tarde, un proxecto ambicioso, con idea de darlle continuidade. Trátase dunha proposta para desenvolver unha programación musical en liña, que sirva como plataforma para mostrar, apoiar e reunir aos grupos locais, de xeito que se combinen propostas minoritarias con outras xa coñecidas e maioritarias.

A concelleira de Cultura, Natividade González, sinala que “a nosa intención é darlle continuidade aos programas culturais, e ao mesmo tempo apoiar aos nosos grupos locais. Agardamos que a variedade e calidade dos contidos sexan a garantía para fidelizar audiencia e que esta coñeza a gran calidade cultural que temos no noso concello. Espero que este formato excepcional da programación, que se desenvolverá no mes de marzo, se poida repetir porque tivo unha gran acollida por parte do público”.

Formato semanal con música en directo
En canto ao formato será semanal. Cada domingo, ás 20:00h, unha banda musical tocará en rigoroso directo en liña. Cada concerto estará introducido e presentado por Adrián Cunha, fotógrafo, realizador e presentador relacionado co mundo do espectáculo, tanto no eido familiar como profesional. O presentador nos previos á actuación, manterá unha breve entrevista informal cos artistas a través dun chat que estará activo antes, durante e despois do concerto. Todos as actuacións realizaranse no estudio de gravación A Ponte e estarán dirixidas por Tomás Ageitos.

Comézase con tres propostas de estilos diferentes pero todas lideradas por veciños e veciñas de Ames. O domingo á tarde, estrearase o domingo, 14 de marzo, coa actuación de Javier Constenla e Pilar Martínez, que ofrecerán un repertorio selecto de clásicos do Jazz. O próximo domingo, 21 de marzo, o espectáculo correrá a cargo do grupo de mozos Battosai, que veñen recentemente de ser premiados no Xuventude Crea. Rematarase o domingo, 28 de marzo, coas pandereteiras Ás Maianas.

Para ver ditas actuacións hai que acceder a esta canle de YouTube.  Tamén se pode seguir a través de Facebook, Twitter, Instagram e Linktree.

Presentación do programa "O domingo á tarde"

Multimedia

  • Cartel O domingo á tarde