- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves pola tarde a Gala de entrega da sexta edición dos premios Lingua e Empresa organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística. As empresas galardoadas foron, Nós Televisión, situada no parque empresarial Novo Milladoiro, na categoría de Uso consolidado da lingua galega; e mais o establecemento hostaleiro O Transistor, que está situado na rúa do Pedregal, en Bertamiráns, na categoría de Nova incorporación á lingua, ao ser unha empresa que se creou nos últimos dous anos. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa e un diploma, que se engaden á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba a cada categoría.
Manolo Maseda e Xurxo Souto foron os encargados de conducir e amenizar a Gala Lingua e Empresa, que se celebrou este pasado xoves, 9 de novembro, pola tarde, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Foi un evento moi participativo e ameno no que puido participar toda a veciñanza que quixo. No acto estiveron presentes a práctica totalidade das empresas que se presentaron ao certame este ano. Das 33 entidades presentadas acudiron un total de 30. Ademis, asistiu o alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, e varios concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e BNG.
Este ano a temática principal da Gala estivo ligada aos Selos REGA e o lema foi “A lingua rega ás empresas de Ames”, polo que houbo claras referencias á “rega” tanto na ambientación como durante o transcurso do evento. Cómpre lembrar que nesta edición, presentáronse e entregáronse os Selos REGA a todas as empresas que participaron nalgunha das edicións anteriores do Premio Lingua e Empresa. Este selo, para colocar nun lugar visible da empresa, ten como obxectivo promover o uso do idioma entre a cidadanía, ademais de identificar, visibilizar e recoñecer publicamente a contribución da entidade na mellora do uso social da lingua.
O alcalde e responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Blas García, destacou durante o transcurso da Gala que “os premios Lingua e Empresa naceron co obxectivo de promover o uso do galego na actividade económica do Concello de Ames, concretamente no ámbito empresarial e comercial. Así, ao longo das súas cinco edicións foron recoñecidas e premiadas numerosas empresas do municipio que contribuíron ao emprego e difusión da lingua galega tanto na súa comunicación interna como de cara á clientela. Estes premios non buscan só recompensar a aquelas empresas consolidadas que usan o galego como vehículo de expresión, senón que tamén buscamos incentivar o uso do idioma en todo o ámbito empresarial e entre a clientela”.
Ademais, Blas García engadiu “nesta edición temos o pracer de presentar o distintivo REGA, que pon en valor o potencial do idioma como unha achega extra de calidade á oferta comercial, pois este selo garante que o negocio ten vontade de poñer en valor o uso da lingua no ámbito empresarial e fomentar o uso entre a cidadanía. O Concello de Ames apostou, aposta e apostará polo galego e estará sempre do lado das empresas para potenciar o idioma e fomentar o seu uso. Por ese motivo quero agradecerlle a estas 33 empresas a súa implicación, pois hoxe aquí nesta gala non hai perdedores. Hoxe existen 33 gañadores e esperemos que para o ano que vén contemos con moitos máis”.
Empresas gañadoras da quinta edición do Premio Lingua e Empresa
Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaron empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa escollida polo xurado foi Nós Televisión, situada na rúa das Hedras do parque empresarial do Milladoiro, polo seu labor decidido, coherente e comprometido a prol da normalización lingüística no eido empresarial. O xurado destaca a coherencia desta proposta, tanto nos usos lingüísticos internos como nas súas redes e na propia programación, con contidos integramente en galego e con espazos centrados tamén na normalización lingüística en diferentes ámbitos sociais.
Salienta tamén que sexa a única canle audiovisual xurdida da iniciativa privada que fai unha aposta decidida por comunicar todo o seu contido integramente na lingua propia do país e por darlle voz a diferentes iniciativas e colectivos que traballan a prol da lingua. Nós televisión xa ten oco propio na ampla oferta audiovisual que chega aos fogares galegos con contidos de calidade centrados no país e ten potencialidades abondas para seguir medrando e consolidarse como unha canle de referencia no ámbito audiovisual. Nesta categoría participaron un total de 20 empresas.
Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período. A empresa premiada foi o establecemento hostaleiro O Transistor, situado na rúa do Pedregal, en Bertamiráns, pola súa actividade regular e implicada a prol da normalización lingüística no eido da hostalaría usando o galego como elemento de marca e de imaxe do propio establecemento e por incorporar desde o seu nacemento a lingua á súa actividade, de maneira coherente e implicada, tanto en toda a comunicación interna como nos servizos hostaleiros e culturais que ofrece.
O xurado tamén salienta o impacto e a visibilidade que a súa escolla comunicativa pode ter no proceso social de normalización lingüística, nomeadamente entre a mocidade, xa que constitúe un espazo innovador de lecer, de encontro e de socialización vertebrado ao redor da lingua cunha ampla oferta de actividades culturais diversas. O Transistor, nos seus dous anos de vida, converteuse nun espazo de referencia tanto do ocio urbano como no ámbito da divulgación cultural aproveitando sempre as potencialidades que lle achega o uso da lingua galega. Nesta categoría concorreron 13 entidades.
Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa elaborada e deseñada pola firma amesá de artesanía galega Sivereira e un diploma acreditativo, que se engaden á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba cada categoría.
Composición do xurado
Nesta ocasión, o xurado estivo formado por Xisela Delgado Caseiro, de SOMA, Centro de Terapia Integral, como representante das empresas gañadoras na pasada edición de 2022; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; Olalla Alvite del Río, da asociación de empresarios Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), como representante do asociacionismo empresarial; e Fátima Souto Muñiz, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista no proceso de Normalización Lingüística.
Este xurado foi o encargado de valorar a utilización do galego na comunicación diaria da empresa, tanto oralmente como por escrito. Así mesmo, tivo en conta o impacto que a actividade dos negocios ten en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.
Os membros do xurado quixeron expresar conxuntamente o seu recoñecemento a todas as empresas participantes nesta edición e nas anteriores. Sexa a que for a súa dimensión e traxectoria, realizan un valioso labor en favor do uso normal da nosa lingua no ámbito socioeconómico, asociándoa á calidade dos seus produtos e servizos e creando espazos de relación en galego para garantir os dereitos dos consumidores e consumidoras, ao cabo da veciñanza amesá.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Los premios Lingua e Empresa de Ames se vuelcan con el audiovisual y la hostelería"
La Voz de Galicia: "Entrega de los premios Lingua e Empresa de Ames"
Ames Go: "Nós Televisión e O Transistor álzanse cos premios Lingua e Empresa 2023"