Solapas principales

Nova marcha nórdica do programa “Ames Activa Verán” con saída dende O Milladoiro, este xoves 24

Miércoles, 23 de agosto de 2023

Este xoves, 24 de agosto, terá lugar unha nova andaina da marcha nórdica “Camiñando no solpor”, incluída dentro da programación do “Activa Ames Verán”, posto en marcha polo departamento de Promoción da Saúde do Concello de Ames. A saída volverá a ser dende O Milladoiro. A proposta é gratuíta, e non é precisa inscrición previa. A actividade repetirase o día 31 de agosto, saíndo dende Bertamiráns. Así, complétase o ciclo de iniciativas do “Ames Activa Verán”, que tamén comprendeu clases de ioga terapéutico, de taichi tradicional e de chi kung.

Un ano máis, o departamento de Promoción da Saúde do Concello de Ames está a desenvolver o programa “Activa Ames Verán”, unha adaptación das actividades do Ames Saudable que ten lugar durante a época estival, con propostas para o coidado da saúde física e emocional. As actividades realízanse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns.

Nesta ocasión, o Concello decidiu incorporar á súa programación as andainas de marcha nórdica, que se viñeron desenvolvendo ao longo do mes de agosto. A marcha nórdica reporta numerosos beneficios: combate as malas posturas corporais, axuda a perder peso, fortalece o corazón e mellora a circulación sanguínea, contribúe a mellorar a práctica doutros deportes, reduce o estrés...

Mañá, día 24, haberá unha nova andaina con saída dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. Os camiñantes recorrerán a zona da Rocha, pasando polo seu castelo. Participar é gratuíto, e non se precisa inscrición previa.
Recoméndase a tódolos participantes que leven lanterna, posto que se recorrerá un tramo do percorrido unha vez anoiteza. As persoas que precisen bastón poden solicitar o seu préstamo de xeito gratuíto a través do enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal.

Cartaz do Ames Activa Verán

Multimedia

  • Cartaz do Ames Activa Verán