- Tematica
O pasado venres 31 de xaneiro e o martes 4 de febreiro tiveron lugar a primeira e a segunda sesión dunha formación para a dinamización da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade. Desta maneira, prosegue o funcionamento deste grupo de traballo que se creou no ano 2016 e no que están representados todos os ámbitos implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero. A próxima xuntanza terá lugar o próximo 13 de marzo.
As persoas participantes nestas sesións de traballo foron: Magdalena Seco Otero (Centro Saúde do Milladoiro), Ubaldo Fernández Varela (Centro Saúde Bertamiráns), Lucita Leis Casais (CEPI Pazo do Muíño), Concepción Melayo Buján (CEIP A Maía), Julia Patiño Mallón (IES Milladoiro), Ángeles Ferrón Novais (Escola Infantil Milladoiro), Alicia Nieto Camino e Vanesa Blanco Monteagudo (servizos Sociais Concello Ames), Martina Marcos Mosquera, Eva García Balias e Martín Gude Rios (Policía Local), Rubén Cela Martinez (Garda Civil), Luisa Feijoo Montero (Concelleira Igualdade), Mónica Antelo Martelo e Teresa Arufe Vázquez (CIM Ames).
A primeira sesión da Mesa celebrouse 31 de xaneiro
Na primeira sesión da xuntanza, as persoas participantes realizaron unha recollida de obstáculos e acordos xunto a un mapa de axentes, para saber a identificación da posición que asumen os diferentes axentes, colectivos e institucións do concello na loita contra a violencia e a promoción da igualdade.
A primeira das tarefas denotou como necesidades traballar transversalmente en políticas de igualdade a nivel municipal e traballar arredor dunha Mesa. Como obstáculo a este traballo, a falta de continuidade na representación de determinados axentes na Mesa. Pola contra, valorouse moi positivamente a experiencia da Rede do Milladoiro, que conta cun protocolo de actuación conxunta especifico para violencia adaptado aos recursos e servizos e a implicacións dos CEIPS.
Posteriormente, procedeuse á realización dun sociograma ou mapa de axentes, un instrumento que permite visualizar a axentes e grupos sociais presentes nun proxecto ou territorio e trazar as conexións existentes entre elas. Neste caso, no ámbito da violencia de xénero. Este deu como resultado que o Centro de Saúde do Milladoiro é a institución mellor valorada, tanto a nivel de implicación como de capacidade de facer. En canto aos centros de ensino e a Concellería de Igualdade, son axentes aos que tamén se lle outorgan un papel e capacidade de intervención moi importante.
No mapa tamén se representa a entidades como as ANPAS, Asociación de xubilados, Cáritas e Cruz Vermella, cun nivel e implicación e capacidade de facer medio, e a grupos demográficos cuxa capacidade ou influencia teñen un nivel baixo.
A segunda sesión da Mesa desenvolveuse o 4 de febreiro
A segunda sesión da Mesa tivo lugar o pasado martes 4 de febreiro, e nela realizouse un análise DAFO e unha selección de problemas para o traballo de identificación de propostas, prazos e responsabilidades para un mellor desempeño da Mesa.
A análise DAFO ten como obxectivo a identificación de problemas, proposta de solucións e asumir responsabilidades. Traballouse o DAFO tendo como referencia as áreas de formación/información/coñecemento, comunicación, cooperación/traballo en común, responsabilidades e funcións, capacidade de facer, participación, a visibilidade da Mesa, apoios, ferramentas e atención ás mulleres.
Expostos todos eles, procedeuse a selección de problemas sobre os que a Mesa vai traballar que se encontran recollidos no DAFO, con propostas de actuación concretas a cada un deles. Dentro destas propostas, recolleranse as actuacións iniciais que se lles ocorren aos participantes da Mesa, os obstáculos que é previsible que teñan desenvolvendo a actuación e como superar ditos obstáculos e actuacións.
Entre a selección de problemas escollidos encóntranse a mellora na atención ás mulleres e nenos, a mellora da comunicación do traballo da Mesa, a falta de coñecementos e medios (falta dun sistema de seguimento e información que permita coñecer como se actúa en cada caso), dar visibilidade á Mesa, designar responsabilidades e funcións na Mesa, mellorar a información sobre lexislación e acceso de información, erradicar o descoñecemento dos protocolos a seguir e o deseño de sesións formativas e espazos para a formación.
Próxima xuntanza convocada para o 13 de marzo
Finalmente, a Mesa conclúe acordando celebrar a seguinte xuntanza o próximo venres 13 de marzo, co compromiso de xuntarse 3 ou 4 veces no ano e de conseguir levar a cabo as propostas recollidas nesta xuntanza.