Solapas principales

Nova sesión dos Encontros Literarios de Ames coa presentación de "Etceteramente” de Xelís de Toro

Miércoles, 12 de abril de 2023

Este xoves, 13 de abril, ás 20:00 horas, terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns un novo encontro literario, organizado polo departamento de Bibliotecas de Ames. Desta volta, o protagonista será o autor Xelís de Toro, que presentará a obra “Etceteramente”, editada por Xerais.

As bibliotecas municipais de Ames organizan para este xoves, día 13, o segundo dos encontros literarios do mes de abril. O libro a presentar será “Etceteramente”, a última obra de Xelís de Toro e que se presenta coma unha homenaxe ao poder creativo da literatura. O autor estará acompañado de Alejandro Vargas, artista sonoro, compositor e pianista cubano. De Toro e Vargas conversarán sobre a improvisación como método artístico nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. O evento realizarase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:00 horas con entrada libre ata completar aforo.

"Etceteramente" está formado por páxinas en branco, capítulos que faltan, unha lectora que se rebela, un escritor ansioso por escribir unha obra sublime, un periplo polo trasmundo interior, rebeldes contra a especulación urbanística e revolucionarios á busca do escritor, cartas a un escritor morto, a directora dunha editorial a quen non lle dan as contas, un pauto co demo... Estamos ante un cóctel literario de preguntas: quen escribe?, quen le?, para que?, como?, que?. “Etceteramente” é un artefacto inacabado que nunca terá un punto final porque continuará noutros libros escritos por outras escritoras e escritores e outras lectoras e lectores. Mais tamén encarna unha tristura e unha esperanza, a tristura dos solitarios que se refuxian na literatura en busca dun acougo e a esperanza de que a literatura os provexa dun fogar: un espazo de dúbida e contradición, de crítica, de reflexión, de rebeldía contra nada, de espellos rotos, unha ventá ao mundo... Un fogar de portas abertas.

O autor
Xelís de Toro (Santiago de Compostela, 1962) é un escritor español licenciado en Filoloxía Galega. Foi lector de galego nas universidades de Birmingham e Oxford entre 1991 e 1997. En 1990 fundou con Francisco Macías a Editorial Positivas.

Entre a súa obra narrativa destaca “Non hai misericordia” pola que recibiu o premio Ciudad de Lugo. “Terminal” ou “Os saltimbanquis no paraíso”, obra coa que gañou o premio San Clemente de lectores novos. De Toro foi letrista e cantante de Os Quinindiolas e director da revista Anima+I.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentan a obra de Xelís de Toro e ofrecen danza moderna con 'Nina Ninette' ós amesáns"

AMS GO!: "Xelís de Toro presenta 'Etceteramente' nos encontros literarios de Ames"

Cartaz do encontro literario con Xelís de Toro

Multimedia

  • Nova sesión dos Encontros Literarios de Ames coa presentación de "Etceteramente” de Xelís de Toro