- Tematica
O Concello de Ames descende ao nivel de restricións medio, por iso o Goberno municipal quere recordarlle á cidadanía as normas de cumprimento obrigado para loitar contra a COVID-19. A normativa actual obriga a que os grupos sexan de 6 persoas en espazos pechados e dun máximo de 10 en espazos abertos; quedando prohibidas as reunións entre non conviventes entre as 3 e as 6 da mañá. A ocupación tanto bares como restaurantes será do 50% no interior e do 100% nas terrazas. As barras continúan pechadas. Abre o ocio nocturno co 75% de capacidade nas terrazas e o 50% no interior. Cómpre salientar que o uso da máscara segue a ser obrigatorio excepto en exteriores e sempre que se poida gardar a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. Pódense consultar as medidas no Diario Oficial de Galicia publicado este venres 20 de agosto.
As novas medidas decretadas pola Xunta de Galicia para o nivel medio en que se atopa o Concello de Ames entran en vigor ás 00:00 horas do 21 de agosto de 2021.
Xuntanzas
No tocante ás xuntanzas obrígase a que os grupos non superen as seis persoas, como máximo, en espazos pechados, e as dez persoas, como máximo, en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes.
Quedan prohibidas as reunións entre non conviventes entre as tres e as seis da madrugada.
Hostalería
Na hostalería permítese un aforo do 50% no interior dos establecementos e do 100% nas terrazas. No interior, os grupos non poderán superar as 6 persoas e no exterior non poderán xuntarse máis de 10 persoas, en todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas. As barras seguen permanecendo pechadas. O horario do peche ao público será ás 23:00 horas, agás para aqueles establecementos que conteñan medidor CO2, que poderán prolongar o horario ata as 1:00 horas. Os establecementos que presten servizo de recollida no local ou entrega a domicilio poderán facelo ata a 1:00 horas.
Establecementos de lecer e de ocio
Este tipo de establecementos poderá prestar servizos de terraza co 75% da capacidade máxima permitida. Para o servizo no interior, a ocupación máxima será do 50% da capacidade máxima permitida. Só se poderá utilizar a barra para solicitar e recoller consumicións por parte das persoas usuarias, pero non para realizar o consumo nela. O horario máximo de peche dos establecementos de lecer nocturno será ás 3.00 horas.
Instalacións deportivas
Nas instalacións e nos centros deportivos pechados poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata 6 persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor, coa utilización da máscara e sempre que non se supere o 50% da capacidade máxima permitida. A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, coa utilización da máscara. Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 50%.
Establecementos de xogos colectivos e azar
Os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade. Con todo, non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade permitida.