Solapas principales

Nuria Rábano e Tariku Novales foron elixidos como os deportistas máis destacados do 2017 na XII Gala do Deporte de Ames

Sábado, 17 de febrero de 2018

[17-02-2018] Este venres, 16 de febreiro, celebrouse a décimo segunda edición da Gala do Deporte de Ames no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, que quedou pequeno para acoller a toda a xente que acudiu a esta cita. A Gala, que este ano tivo como padriño ao atleta Pedro Nimo, contou coa presenza do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, así como de varias e varios concelleiros do goberno e da corporación municipal amesá. Os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera foron os encargados de amenizar a Gala e de dar paso ás premiadas e premiados da noite. Nuria Rábano e Tariku Novales foron elixidos como os deportistas máis destacados do 2017, mentres que Nadia Iglesias levou o premio especial do público por segundo ano consecutivo.

Premio especial do público
Este é o segundo ano no que a Gala do Deporte do Concello de Ames dispuxo dunha nova categoría, na que a veciñanza puido votar pola ou polo mellor deportista do ano a través dunha enquisa publicada na páxina web municipal. Este ano, o premio especial do público elixiuse entre o xogador profesional de squash, Borja Golán Santín, que no 2017 logrou o terceiro posto no campionato de Europa e que vén de proclamarse campión de España por décimo sexta vez; entre o xogador de fútbol, Fernando Seoane Antelo, que actualmente xoga como centrocampista no Club Deportivo Lugo da Segunda División e é un dos capitáns do equipo; entre a patinadora Nadia Iglesias de Salvador, campioa de Europa e medalla de bronce no Campionato do Mundo Júnior de Patinaxe Artística; entre o boxeador, José Ramón Mirás, tres veces campión de España de peso galo entre o 2016 e o 2017; e entre a futbolista, Nuria Rábano Blanco, campioa de Europa coa selección Española de Fútbol Feminina sub19 e actual xogadora do Real Club Deportivo da Coruña.

Unha vez pechada a enquisa, que estivo activa na páxina web municipal ata o 17 de xaneiro, resultou gañadora a patinadora Nadia Iglesias, cun total do 60% dos votos emitidos. En segunda posición ficou o boxeador José Ramón Mirás co 27% do total. A futbolista Nuria Rábano acadou o terceiro lugar, mentres que a cuarta posición foi parar ao futbolista Fernando Seoane. O xogador de squash, Borja Golán, ficou en quinta posición nunha votación na que participaron 1.769 persoas con votacións individuais, ao non estar permitido emitir máis dun voto por persoa. O premio do publico foi entregado polo alcalde e concelleiro de Deportes de Ames, José Miñones.

Deportistas máis destacados do 2017
Os últimos premios entregados durante a velada foron os de deportista feminina e masculino máis destacados de Ames do 2017. O premio á deportista feminina máis destacada recaeu na xogadora de fútbol Nuria Rábano Blanco, integrante do RC Deportivo da Coruña e campioa de Europa coa Selección Española sub19. O premio foi entregado pola gañadora do ano anterior, a patinadora Nadia Iglesias. O galardón ao mellor deportista masculino foi para o atleta Tariku Novales Quinteiro, que acadou o décimo terceiro posto no Campionato de Europa de Campo a Través, o terceiro na 39ª Copa de Europa de Clubs Júnior, o primeiro no Campionato de España Júnior de 5000 metros e o segundo lugar no 24º Campionato de Europa Júnior 5000 metros. O premio foi recollido por un amigo de Tariku Novales, que recibiu o premio da man do padriño da Gala, o atleta Pedro Nimo.

Premio ao deportista/equipo máis destacado e ao mellor club
O premio para o deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames foi para o equipo sénior feminino do CV Bruxas, que xoga na primeira división autonómica e na segunda nacional. Este equipo foi clasificado na segunda posición na liga regular e quedou como terceiro clasificado na final a catro do Campionato Galego. Na actualidade, lidera a clasificación con só un partido perdido no que vai de tempada. O premio foi entregado polo padexeiro do Club Ribeiras do Tambre e gañador o ano pasado deste galardón, Luis Guilbert.

O Club de Atletismo Millaraio recibiu, pola súa banda, o premio ao mellor club de Ames. Entre os seus éxitos sobresae a clasificación dos equipos infantís masculino e feminino do club para o campionato de España por equipos, quedando o masculino na décimo segunda posición e o feminino na décima, logrando a mellor clasificación da historia do club. Ademais, cómpre destacar que o equipo masculino cadete de combinadas logrou a medalla de bronce no campionato galego de probas combinadas por equipos absoluto. Alén diso, o seu palmarés inclúe, asemade, o premio ao mellor club de base de Galicia do 2017, que lle foi outorgado na Gala do Atletismo Galego.

A XII Gala do Deporte de Ames comezou cunha proxección audiovisual na que se recoñeceu o traballo dos numerosos clubs e entidades deportivas de Ames. Trala proxección, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, foi a encargada de lles entregar aos representantes da empresa Galp o premio Colabor@mes, pola súa participación e colaboración en moitos dos eventos deportivos que se celebraron no concello durante o 2017. O premio ao recoñecemento especial foi entregado, posteriormente, a Julio Lamas Villaverde e a Manuel Capeáns Fernández por toda unha vida dedicada ao fútbol afeccionado, tanto no terreo de xogo como desempeñando distintas funcións, como directivos ou delegados, no Bertamiráns FC; unha labor que fixo posible o correcto funcionamento da entidade ao longo destes anos.

O premio á promesa masculina máis destacada do 2017 foi para o padexeiro Ángel González Gómez, do Club Ribeiras do Tambre. O deportista é subcampión de España cadete de pista k2 (1000 metros), campión galego cadete de pista k2 (1000 e 5000 metros) e subcampión galego de pista k1 (1000 metros). O galardón foi entregado por Borja Golán, recente campión de España absoluto de squash.

Degnesh María Mato Gómez, do Club de Atletismo Millaraio, acadou o premio á promesa feminina máis destacada do 2017. A atleta, que foi a campioa galega infantil de 100 metros lisos, acadou tamén o bronce no galego infantil de xabalina. Así mesmo, a corredora do Millaraio tamén participou no Campionato de España infantil individual (8ª clasificada) e é a campioa Provincial de 1000 metros lisos, a subcampioa provincial de xabalina, así como unha das integrante do equipo participante no Campionato de España Infantil por equipos e do equipo que obtivo o bronce no Campionato Galego Infantil por equipos. A promesa feminina do ano pasado, a patinadora Martina Bretaña do club de patinaxe artística Omega, foi quen entregou este galardón.

Ao longo do desenvolvemento da Gala houbo diversas demostracións das mozas e mozos que participan en varias das modalidades das Escolas deportivas municipais, así como proxeccións de vídeos sobre diferentes deportistas do concello. A Gala tamén incluíu demostracións de free style con balón de fútbol, break dance e cuspe lume.



Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Nuria Rábano y Tariku Novales, deportistas más destacados de 2017 por el Concello de Ames"