[22-08-2018] A convocatoria de inscrición de proxectos para a segunda edición do Festival Internacional Cinema Crianza, que se celebrará en novembro, permanecerá aberta ata o próximo 31 de agosto. Nela poderán inscribirse curtametraxes como longametraxes pertencentes a xéneros de ficción, documental ou animación, sempre que sexan obras orientadas a un público infantil. A inscrición ao festival é gratuíta, e deberá realizarse a través da plataforma FilmFreeWay ou Festhome, ás que tamén pode accederse por medio da páxina web www.cinemacrianza.com.
O Festival Cinema Crianza, organizado polo Concello de Ames co apoio da Deputación da Coruña, nace no ano 2017 como o primeiro festival internacional de cine infantil en Galicia. O seu obxectivo é reivindicar o audiovisual como ferramenta pedagóxica ao tempo que busca promover o gusto polo cinema entre os máis cativos e contribuír á formación dun público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.
Logo do éxito acadado na pasada edición, na que se proxectaron 70 pezas finalistas de entre as 2500 propostas procedentes de todo o mundo, o concurso está aberto a películas de todas as procedencias co obxectivo de garantir unha programación diversa e intercultural, que amose a actualidade da produción cinematográfica de ámbito infantil e reflicta o mundo da infancia dende unha óptica global.
A convocatoria está dirixida tanto a curtametraxes como a películas de longametraxe, e poden pertencer aos xéneros de ficción, documental ou animación, sempre que se dirixan a un público infantil. A inscrición ao Festival é gratuíta e debera realizarse a través da plataforma FilmFreeWay ou Festhome, ás que tamén pode accederse por medio da páxina web do festival www.cinemacrianza.com.
Asemade, as curtametraxes seleccionadas que competirán no concurso dividiranse nas categorías ‘Axóuxeres’, na que entrarán todas aquelas orientadas a cativos/as de 0 a 3 anos con duración máxima de 10 minutos; e ‘Buxainas’, formada polas obras de menos de 25 minutos dirixidas a nenos e nenas maiores de 3 anos. Estas obras finalistas poderán optar a dous premios de 500€, en función do rango de idade ao que vaian dirixidas.
Tamén haberá diversas sesións fóra de concurso completando o programa, nas que se proxectarán longametraxes dirixidas a público infantil que recibirán unha taxa única de 250€ pola súa exhibición no Festival.
Contido relacionado