- Tematica
O acto institucional do "Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller" celebrarase o 25 de novembro, ás 18:30, na praza do Concello. Asistirán todos os membros da corporación que, de forma conxunta, lerán un manifesto a prol da erradicación desta lacra social. Contará coas actuacións da Escola Municipal de Música e da Plataforma Feminista de Ames que interpretarán temas emblemáticos da loita contra a violencia machista. Como lembranza da data, e para que a concienciación continúe simbolicamente presente ao longo de todo ano, repartiranse camisetas, cadernos, alfombriñas para o rato do ordenador e paraugas conmemorativos.
“NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE”, con este lema preséntase este ano o programa de actividades coas que o concello de Ames conmemora o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. Como adoita acontecer desde hai varios anos, o Acto Conmemorativo, que se celebrará o propio día 25 na praza do Concello, contará coa asistencia de toda a corporación e incluirá a xa tradicional lectura do Manifesto asinado por todos os grupos políticos presentes no concello de Ames.
A música tamén terá o seu oco no acto. As cancións elixidas responden a temática do día. Unha representación do alumnado e o profesorado da EMMA interpretará unha versión de “La puerta violeta” de Rozalén. Ademais, a Plataforma Feminista de Ames cantará “Sen medo”, un tema de Vivir Quintana, que, como o de Rozalén, forma parte do abano de cancións que múltiples autores e autoras compoñen desde hai anos para suliñar a necesidade de loitar contra a violencia machista, ao tempo que abren unha porta de esperanza á solución do problema. No entanto as mulleres da PFG de Ames interpreten “Sen medo”, varias mozas de Ames porán en escena unha performance, colocando os nomes das asasinadas e un gran lazo negro sobre os chanzos das escaleiras de entrada á Casa do Concello.
Para a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, este é un dos días máis importantes do ano: “Aínda que me gustaría que fose un día de festexo polo conseguido, segue a ser un día para saír ás rúas para seguir loitando, para seguir reivindicando, para apoiar e para compartir. Un día para sensibilizar e sobre todo para visibilizar esa dobre verdade, esa dobre moral a que aínda estamos sometidas: o que é bo para un home por que non o é para unha muller. Un día para seguir poñendo o acento en que a violencia é un arma de destrución a cal moitas veces seguimos amparando e alimentando sen darnos conta”.
Asemade, a concelleira convida a toda a cidadanía de Ames a participar neste acto na Praza do Concello ás 18:00h “para visibilizar a repulsa da cidadanía de Ames contra todo tipo de violencia, e todos e todas xuntas deixar constancia de que estamos fartas, basta xa! A violencia contra as mulleres ten que ter consideración de política de estado, e a loita para a súa erradicación ten que estar nas nosas axendas políticas con independencia das nosas ideoloxías ou das nosas cores”.
Novas relacionadas
AMSGO!: "EMMA e a Plataforma Feminista de Ames no acto institucional do 25N"