Solapas principales

O actor Xabier Estévez, xefe dos GEOS en Celda 211, presenta na radio municipal a primeira película do segundo ciclo de Cine Xove

Viernes, 21 de enero de 2011

[21-01-2011] "Foi un papel pequeno pero deume a oportunidade de estar nun proxecto no que se amosou a gran calidade dos profesionais galegos". O amiense Xabier Estévez, a quen moitos e moitas coñecen polos seus papeis en series como Padre Casares, Mareas Vivas, Matalobos, Manolito Gafotas e Hospital Central, e pola súa presenza desde hai vinte anos nos elencos do Centro Dramático Galego e doutras compañías teatrais do país, fixo o papel de xefe dos GEOS en Celda 211. O actor, que acaba de estrear con éxito "Retornos", a súa primeira longametraxe como protagonista, achegouse ata Ames Radio para presentar a película que hoxe venres, ás 20:00 horas da tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns, abrirá o segundo ciclo de Cine Xove que organiza a concellaría de Mocidade.

O xefe dos GEOS examina as pantallas de vixilancia a través das que se poden ver algúns dos movementos dos amotinados, agardando o momento para intervir e acabar co motín iniciado por Malamadre, o personaxe co que, outro galego, Luís Tosar, acadou o ano pasado o Goya ao mellor protagonista, unha das 8 estatuillas coas que se premiou á película de Daniel Monzón. "Lembro a gravación desa escena -recorda Xabier- durante un montón de tempo tivemos que estar mirando para uns ordenadores que tiñan a pantalla en verde como se visemos todas as imaxes que despois, mediante un croma, aparecían na película e como aquela noite os que participabamos nesa escena deitámonos sen poder sacarnos aquel verde da cabeza".

Xabier Estévez explicou na radio municipal de Ames varias anécdotas das acontecidas na rodaxe de "Celda 211", facendo especial fincapé na pegada que a rodaxe na vella cárcere de Zamora deixou en todos e todas as participantes: "Foi moito tempo na cadea, convivindo incluso con extras que tiñan experiencias reais no cárcere; as veces, cando non tiña que rodar, perdíame polos corredores e sempre atopaba algunha pegada que amosaba que estabamos nun lugar intensamente vivido: nomes e debuxos nos baños, inscricións nas paredes, a marca dun puñetazo nunha porta de ferro..."

Para Xabier, o valor máis grande de "Celda 211", foi o de amosarlle á industria do cine que unha película española pode manterse en cartel tanto tempo e tan ben como a mellor das producións americanas. "Ademais, como galego, é un orgullo ter participado dun proxecto no que se ensina o bo traballo dos galegos, tanto dos actores como dos técnicos". Pero se con algo se queda Xabier, un home que foxe de emitir xuízos e dar recomendacións, é con que "nada nin ninguén é tan bo nin tan malo como pode parecer, creo que esa é a mensaxe máis importante que nos transmite a película e a que seguro descobren os mozos e mozas que vaian a vela esta tarde".

"Celda 211" será proxectada esta tarde, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, con ela iníciase o segundo ciclo de Cine Xove, unha iniciativa da concellaría de Mocidade a través da que se pretende ofrecer unha alternativa máis de ocio aos mozos e mozas do concello. O ciclo continuará coas proxeccións de O equipo A, o 11 de febreiro á mesma hora na Casa da Cultura do Milladoiro, e Avatar, que se proxectará o 11 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns, nesa ocasión, e debido á longa duración da película, ás 19:00 horas da tarde.