- Tematica
O alcalde de Ames, Jose Miñones, remitiu onte unha mensaxe de agradecemento ao persoal municipal pola súa disposición e colaboración nesta emerxencia sanitaria provocada polo COVID 19. Ademais, aproveitou a mensaxe para dar constancia das accións que foron tomadas polo Goberno municipal dende o pasado 13 de marzo, día previo á declaración do estado de alarma por parte do Goberno do Estado.
Despois de máis dunha semana de confinamento tras o avance da emerxencia sanitaria provocada polo COVID 19, o alcalde de Ames dirixiuse aos traballadores municipais para agradecer a súa predisposición e axuda amosada na situación extraordinaria que estamos a vivir para que o Concello de Ames siga mantendo, na medida do posible, a súa actividade.
Jose Miñones aproveitou a mensaxe para comunicar de primeira man cales foron as accións tomatadas ata agora polo Goberno municipal. Unhas medidas que comezaron a tomarse o pasado día 13 de marzo e que, en caso de ser necesario, seguirán prolongándose nos próximos días.
Así, o pasado venres 13 de marzo creouse un Comité de seguimento conformado polo alcalde, o representante do Comité de Empresa, o representante dos funcionarios, o representante do Comité de Seguridade e Saúde, a técnica de sanidade, o inspector, os voceiros dos grupos de Goberno, a concelleira de Sanidade, o concelleiro de Persoal e unha persoa do departamento de Comunicación.
A partir de aí, decretouse o peche das instalacións municipais e suspendéronse as actividades municipais e o mercadillo. Ademais, comezouse a estudar o opción do sistema de teletraballo e procedeuse á compra de material informático, así como a ampliación do servizo de reforzo de limpeza das instalacións municipais.
Servizos esenciais limitando a atención ao público
Xa o domingo, 15 de marzo, decretáronse os servizos esenciais limitando a atención veciñal ao público por teléfono ou medios telemáticos, e só presencial nos casos urxentes e con cita previa. Asemade, estableceuse o teletraballo e a organización en quendas de traballo presencial do persoal no caso daqueles servizos que se contemplan como esenciais e suspendéronse os prazos administrativos.
Seguidamente, o luns 16 de marzo decretouse a suspensión das sesións plenarias, Comisións e Xuntas de Goberno. Noutro decreto, avocáronse as competencias da Xunta de Goberno Local na Alcaldía durante o estado de alarma e convocouse unha Xunta de Voceiros coa presenza dos voceiros da oposición de maneira telemática para informar da situación.
Ademais, publicouse na web municipal a lista de teléfonos e contactos do concello na web e deuse orde de ampliar a limpeza das instalacións dos servizos que manteñen a súa actividade, así como dos vehículos da Policía Local.
O martes 17 de marzo, decretáronse as recomendacións para o servizo de taxi e emitíronse as autorizacións para desprazamento ao traballo para aquelas persoas que o necesitasen.
O mércores, realizouse unha reunión por videoconferencia entre voceiros dos grupos que conforman o Goberno e as habilitadas nacionais de cara a estudar a situación dos contratos coas empresas.
Habilitouse o teletraballo para o persoal municipal
Desa maneira, solicitouse unha prórroga para a desconexión do TEDEC e fixéronse dous decretos, un sobre as medidas tributarias para a cidadanía no relativo aos prazos de pagos e recibos, e outro sobre a suspensión daqueles contratos que non se poden levar a cabo durante o peche das instalacións. Tamén se habilitou a primeira quenda de teletraballo para 32 de traballadoras e traballadores e se realizou unha reunión de coordinación de policías.
Xa o venres 20 de marzo, pecháronse os parques caninos e as áreas de autocaravanas, pechouse o punto limpo polas tardes para incrementar a limpeza viaria e habilitouse a segunda quenda de teletraballo para 12 traballadoras e traballadores máis.
Así, na actualidade contase con 45 persoas que xa están traballando en modalidade non presencial, resolvéndose todas as incidencias amosadas e funcionando ao 100%.
Finalmente, o alcalde pechou a súa mensaxe incidindo unha vez máis no agradecemento, tanto no seu nome como no de todo o equipo de goberno, aos traballadores/as municipais, para seguir mantendo o funcionamento da actividade municipal, que é imprescindible no día a día dos veciños e veciñas de Ames.