- Tematica
O alcalde de Ames, José Miñones, e maila conselleira e presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas, Ethel Vázquez, veñen de asinar o convenio de colaboración para transferir a avenida da Maía ao Concello e que pase a ser unha vía de titularidade municipal. Dito convenio recolle tamén a mellora do firme de dita vía, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390. Os traballos de mellora consistirán na reparación de brandóns e roturas, tratamento superficial e o repintando das marcas viarias aproximadamente nuns 2.140 metros de lonxitude. Tamén se habilitarán novos pasos de peóns para un mellor tránsito peonil. Ademais, o goberno municipal comezará a estudar a posibilidade de cesión doutra vía do núcleo urbano de Bertamiráns como é a avenida da Peregrina.
O Concello de Ames e maila Axencia Galega de Infraestruturas acaban de asinar un convenio de colaboración para mellorar o firme da avenida da Maía e para transferir esta vía urbana ao Concello de Ames e pase a ser de titularidade municipal. Deste xeito, a Xunta de Galicia financiará con 140.101,75 euros a mellora do firme do tramo da estrada AC-543, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390. Este convenio está ligado ao orzamento da Xunta de 2020. Este convenio foi previamente aprobado por unanimidade pola Corporación municipal no pleno ordinario de decembro de 2019.
Dito proxecto está dividido en dúas partes: a primeira abarca a mellora do firme dende a glorieta da autovía AG-56 ata o centro de Bertamiráns (73.000 euros) e o segundo dende o centro de Bertamiráns ata o límite municipal con Brión (68.000 euros). Esta vía precisa dunha mellora no firme da estrada que consiste na reparación de blandóns e roturas, tratamento superficial e o repintado das marcas viarias aproximadamente nuns 2.140 metros de lonxitude. Desde o Goberno quérese comezar coa humanización desta arteria principal comezando con medidas de seguridade como son a instalación de novos pasos de peóns, o pintado da estrada de redución da velocidade e a implantación de sinais luminosas nos devanditos pasos peonís. Ademais habilitaranse novas direccións de xiro e de circulación tratando de desatascar o centro do núcleo urbano.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, sinala que “estamos contentos de poder facer realidade este acordo de cesión. Mereceu a pena a espera porque agora o Concello poderá mellorar a seguridade e o tránsito peonil desta arteria de Bertamiráns. O noso obxectivo é ir humanizando o núcleo urbano e incrementar a seguridade peonil”.
Este acordo chega despois de máis de dous anos de negociacións. Ditas negociacións comezaron en maio de 2017 e finalizan agora con este acordo que permitirá que o tramo da estrada AC-543, na travesía da Avenida da Maía, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390, pase a ser de titularidade municipal. Isto permitirá que o Concello poida executar as obras de humanización da contorna da praza do Concello, incluídas na EDUSI, que tamén afectan a unha parte da avenida da Maía, sen ter que solicitar permisos á Xunta de Galicia.
Cesión da avenida da Peregrina
Ademais, o goberno municipal comezará a estudar a posibilidade de cesión doutra vía do núcleo urbano de Bertamiráns como é a avenida da Peregrina. O obxectivo é poder dar arranxo á situación actual de desnivel das beirarrúas e poder realizar unha actuación nas mesmas incrementando as zonas de tránsito. Ademais estudarase a posibilidade de creación dunha senda peonil segura e carril bici para unir o centro de Bertamiráns cos centros educativos e deportivos.
O rexedor municipal avanza que “xa estamos en contacto coa Axencia Galega de Infraestruturas para acadar a cesión desta outra avenida. O Concello quere mellorar os problemas nas cotas das beirarrúas tras o último asfaltado e mellorar tamén a seguridade de todo o tramo, e en especial do entorno do CEIP da Maía e do IES de Bertamiráns”.