- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, vén de solicitarlle unha xuntanza ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para poñer en marcha proxectos de vital importancia para o futuro de Ames, como poden ser o enlace do polígono do Novo Milladoiro coa AG-56, a futura praza de Abastos, a depuradora de Sisalde, o polígono empresarial de Bertamiráns ou a promoción de vivenda de protección pública no territorio amesán.
García xustifica a importancia desta xuntanza na necesidade de colaboración e cooperación entre Xunta de Galicia e Concello de Ames nun mandato que considera “vital para o futuro do municipio”. Do mesmo xeito opina que o concello maiano é un referente en Galicia, non só a nivel de crecemento demográfico e saldo vexetativo senón que tamén a nivel de calidade de vida da veciñanza e de oferta de servizos públicos. Por outra banda destaca tamén a relevancia das empresas instaladas no termo municipal, moitas delas referentes a nivel estatal e incluso internacional.
O rexedor tamén explicou que “Ames necesita á Xunta de Galicia, pero a Xunta tamén necesita que Ames manteña o impulso que fai que sexa o único concello de Galicia con saldo vexetativo positivo e a media de idade máis baixa de entre todos os concellos galegos. O modelo de Ames funciona e é exportable a outros municipios”.
Enlace do polígono do Novo Milladoiro coa AG-56
Dende o Concello de Ames estudáronse varias opcións como poden ser a de habilitar un enlace dende a rotonda da N-550 no límite con Santiago ata Novo Milladoiro ou a apertura dun novo enlace dende a Rocha ou Pardiñas. Outra alternativa é a apertura dun enlace dende a AG-56 á altura da Rocha para conectar tamén co polígono.
Este estudo técnico foi encargado no ano 2021 tras unha reunión do alcalde, Blas García, co por aquel entón presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que se comprometeu a estudalo. “Tiñamos un compromiso co anterior presidente, gustaríanos que o actual cumpra con esta responsabilidade herdada”, explicou o alcalde que considera vital para a expansión do polígono do Novo Milladoiro a mellora das súas conexións.
Mercado de Abastos de Ames
O proxecto, previsto para a súa construción na Casa de Barbazán en Bertamiráns integrará doce postos e reordenará o aparcamento para poder levar a cabo eventos no exterior. Este conta con colaboración da Deputación da Coruña, que aportará 700.000 euros para poder materializar o proxecto. García resalta que este é un proxecto prometedor para o comercio en Ames e que “a Xunta de Galicia non pode quedar ao marxe”
Ampliación da depuradora de Sisalde
Este asunto foi outro dos asuntos abordados polo alcalde de Ames e o anterior presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo, “outro compromiso herdado que esperemos que non sexa esquecido”, explicou García. No seu momento dende o executivo galego comprometéronse á redacción do proxecto para a ampliación da depuradora que está amplamente sobrepasada en capacidade (arredor dos 14.000 usuarios a maiores da capacidade máxima) e ofrece servizo á veciñanza de Ames e Brión.
Polígono empresarial de Bertamiráns
O alcalde, Blas García, e o concelleiro de Urbanismo, Victor Fernandez, abordaron esta cuestión o pasado ano, antes da convocatoria electoral, coa naquel momento vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez. Nestes momentos están contemplados 50.000 metros cadrados no PXOM que se pretenden elevar ata os 200.000. Nos últimos meses varias empresas solicitaron información sobre a dispoñibilidade de terreo e prazos para a construción desta área empresarial.
Promoción de vivenda de promoción pública
A vivenda está sendo unha peza central das políticas que se pretenden levar a cabo neste mandato 2023-2027 por parte do Goberno local. O alcalde, Blas García recordou que “a vivenda é un punto clave do mandato e que xa está traballando xunto co IGVS para creación de máis de 200 vivendas de protección pública no Milladoiro”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicias: "Blas García pide una reunión a Rueda sobre «proxectos de vital importancia» para Ames"
El Correo Gallego: "O alcalde de Ames pide reunirse con Rueda para avanzar en “proxectos vitais” no concello"