- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, visitou xunto á concelleira de Benestar Social, Uxía García, o concelleiro de Obras, Gustavo Nieto, e o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, a obra da residencia do Milladoiro. O inmoble situado na Travesía da Moa está encarando a fase final da construción e os terreos anexos xa están sendo urbanizados. Os membros do Goberno foron recibidos polo promotor, Camilo Álvarez, a directora, Paula Guzmán, e polo traballador social, Fernando Aldrey
O alcalde, Blas García, satisfeito con que O Milladoiro conte por fin cun centro destas características, lamentou que teña que ser un promotor privado o que realice estas inversións pediu á Xunta de Galicia máis inversión para a construción de centros deste tipo de titularidade pública. “A abertura deste centro é unha gran noticia debido a que vai cubrir unha carencia que existía neste concello. O seguinte paso é que as administracións públicas se sensibilicen e invistan máis recursos na construción de centros para a conciliación e o coidado dos nosos maiores”, e finaliza recordando que “é o noso deber coidar de quen nos coidou”.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, tendeu a man ao persoal da residencia para manter unha comunicación fluída co departamento de servizos sociais do concello e puxo en valor que sexa Ames o sitio elixido para a construción deste centro pois “todas e todos temos dereito a envellecer con dignidade, preto das nosas familias e do noso fogar. Moitas familias que tiñan aos seus seres queridos en centros de outras provincias poderán achegalos á casa e visitalos máis frecuentemente sen que distancia sexa impedimento”
Dende a propiedade do centro explican que este concepto de residencia permite un trato máis familiar e personalizado ás persoas usuarias, dando deste modo o mellor servizo posible. Nos vindeiros meses abrirán as portas desta residencia con capacidade para albergar a 59 usuarios e usuarias en 25 habitacións dobres e 9 individuais con baño independente cada unha delas. O centro tamén contará con 3 prazas de enfermería.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Milladoiro inaugurará unha residencia de maiores con capacidade para cincuenta e nove persoas"