Solapas principales

O alcalde de Ames e o concelleiro de Turismo reúnense con empresas de diferentes áreas do sector turístico amesá para analizar e estudar posibles vías de colaboración

Viernes, 12 de junio de 2020

O campo de golf do Real Aero Club de Santiago acolleu o pasado mércores, 10 de xuño, unha reunión coa industria turística do Concello de Ames, que estivo presidida polo alcalde, José Miñones, xunto co concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure. O obxectivo da xuntanza foi analizar e estudar as posibles vías de colaboración público-privada para promover o territorio amesán e impulsar o turismo no concello.

O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, xunto coa técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, reuníronse o pasado mércores, 10 de xuño, con empresas de diferentes áreas do sector turístico do concello de Ames (aloxamentos, axencias de viaxes maioristas, empresas de turismo activo e deportivo, e artesanía) para coñecer de primeira man a súa realidade fronte a situación económica e sanitaria que estamos a vivir.

Así, tratouse dunha primeira toma de contacto coas diferentes empresas para analizar e estudar posibles vías de colaboración público-privada para promover o territorio amesán, crear paquetes turísticos aproveitando os diferentes recursos e impulsar a actividade turística en Ames.

A situación de crise que estamos a vivir está favorecendo o turismo de proximidade, de contacto coa natureza, o turismo activo, e de experiencias. Dende o Concello de Ames percíbese esta circunstancia como unha oportunidade, para posicionar a Ames nos fluxos de turistas que se prevé que cheguen a Galicia nos vindeiros anos. Ademais, hai que ter en conta a celebración do próximo Xacobeo 2021, e a posible ampliación ata o ano 2022, un feito que tamén beneficiaría moito ao sector.

Oferta turística atractiva e segura
O Concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, declara que “dende a área de Turismo de Ames queremos aproveitar as oportunidades que nos pode brindar esta crise, traballando man a man co sector privado”. Ademais, engade que “se pretende crear unha oferta turística do noso territorio atractiva e segura, e aumentar así, pouco a pouco, as persoas que visitan o noso concello”.

Os representantes do Concello de Ames tamén agradecen a asistencia a todas as persoas que formaron parte de dita reunión, así como á xerente do Real Aero Club de Santiago por ceder as instalacións do seu campo de golf, situado na parroquia de Piñeiro, para celebrar este encontro nun lugar tan privilexiado.

A xuntanza concluíu comprometéndose os/as asistentes a seguir traballando conxuntamente, e ter unha próxima reunión nos vindeiros días na que xa se poidan abordar ideas e propostas concretas.

Imaxe da reunión mantida con empresas de diferentes áreas do sector turístico amesá

Multimedia

  • Imaxe da reunión mantida con empresas de diferentes áreas do sector turístico amesá
  • Imaxe das instalacións do campo de golf do Real Aero Club de Santiago na parroquia amesá de Piñeiro