Solapas principales

O alcalde de Ames trasládalle á xefatura provincial da DGT o interese do Concello pola transferencia da N-550 no Milladoiro

Sábado, 26 de octubre de 2019

O alcalde de Ames, Jose Miñones, vén de reunirse na Coruña a semana pasada coa xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico de cara a tratar diversos asuntos referidos á N-550, ao seu paso polo Milladoiro. Nesta reunión o rexedor municipal trasladoulle o interese que o Concello ten nunha futura transferencia da N,550 de cara a poder levar a cabo a humanización da avenida Rosalía de Castro. Nesta xuntanza tamén falaron sobre o control do tráfico pesado ao paso polo núcleo urbano.

A N-550 é de competencia estatal, de xeito que calquera actuación que se queira levar a cabo nesta estrada require dos informes e autorizacións pertinentes de Fomento. O plan de humanización que desde o Concello de Ames e a Plataforma da N-550 se acordou de xeito unánime, necesita dunha actuación urbanística de calado nesta gran avenida. Para levar a cabo este proxecto é necesaria unha transferencia desta vía, que pasaría a ser de titularidade municipal e se encadraría dentro do núcleo urbano do Milladoiro, cun mellor mantemento e axilidade na elaboración de calquera modificación que se quixera levar a cabo.

Jose Miñones trasladoulle á xefa provincial esta proposta, de cara a coñecer o seu punto de vista, e coñecer os antecedentes doutras estradas da mesma titularidade. Desde a xefatura indicaron que xa existen casos anteriores e que se entende a demanda trasladada desde o Concello nun núcleo tan urbano como é O Milladoiro.

O alcalde informou igualmente que o obxectivo é a humanización desta avenida e que polo tanto a solicitude desta transferencia será coa conseguinte mellora da mesma. Dado este paso, desde o gabinete da Alcaldía xa se ten solicitada unha nova xuntanza coa subdelegada do goberno de A Coruña e Demarcación de estradas cara a abordar este asunto e coñecer o seu punto de vista, así como axilizar os trámites necesarios.

O obxectivo do goberno municipal será poder ter unha xuntanza no Ministerio de Fomento antes de finais de ano para poder ir avanzando na predisposición e nos requisitos do Ministerio. A solicitude desta transferencia únese á xa conseguida en Bertamiráns sobre a avenida da Maía, de titularidade autonómica, que recentemente foi acordada e que se levará a cabo vía convenio cunha achega de case 140.000 euros por parte da Consellería de Infraestruturas.

O goberno de Ames espera ter o mesmo éxito no tocante á N-550 “que requirirá dun investimento moito maior para a súa humanización co conseguinte proxecto que queremos que se comece a redactar xa no ano 2020” explica Miñones.

Tráfico pesado
Por outra banda, nesta xuntanza tratouse tamén a situación do desvío do tráfico pesado, de máis de 30 toneladas, polo núcleo urbano do Milladoiro. O alcalde solicitou un control por parte da DGT sobre o cumprimento desta restrición de paso. A xefatura provincial trasladou o compromiso de realizar unha campaña de control de tráfico. O goberno municipal complementará esta actuación coa actuación da Policía Local, que tal e como se lle trasladou na xuntanza desde a DGT, teñen competencia para sancionar no viario urbano.

Ademais, o alcalde informou da inminente adquisición dun radar móbil, por parte do Concello, que será utilizado para o control de velocidade nesta zona e que complementará a actuación que se vén facendo co vehículo da DGT que se cede ao Concello en certas épocas do ano.

Miñones indica que “xa está convocada a Plataforma da N-550 para unha xuntanza a vindeira semana onde ademais de informar destes aspectos preténdese acordar un guión de actuacións de cara ao futuro”.

Imaxe da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro
  • Imaxe da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro