Solapas principales

O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan en Bertamiráns as instalacións da empresa Conic Vascular España

Miércoles, 02 de junio de 2021

Blas García, e a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, visitaron  a empresa de material sanitario Conic Vascular España. Situada fronte ao paseo fluvial, en Bertamiráns, a empresa é unha das máis importantes do mundo no sector do deseño, desenvolvemento e fabricación de dispositivos médicos para os campos da cardioloxía e a radioloxía. Única no sector en Galicia, ten presenza en 55 países. Na actualidade, Conic Vascular prepara catro patentes novas, entre ela a dun stent pediátrico que medrará co neno/a, evitando que teña que volver a ser intervido por esa causa.   

Cun “Benvidos Corporación de Ames” na pantalla do ordenador da entrada, recibiron Manuel Parente,  presidente e copropietario de Conic Vascular España a e Paula Rey, directora de calidade da empresa, ao alcalde Blas García e á concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. No transcurso da visita, alcalde e concelleira coñeceron polo miúdo a historia, a evolución e o funcionamento desta empresa fundada polo enxeñeiro, natural de Trazo e que fixo media vida na emigración, Manuel Parente.

Presenza en 55 países

Conic Vascular España está especializada no deseño, desenvolvemento e produción de dispositivos médicos nos campos da radioloxía e a cardioloxía intervencionista. A empresa fabrica catéteres de balón PTCA e PTA e tecnoloxía stent, para arterias coronarias e vasculares e vende a máis de 55 países. Ademais contra con proxectos instalados con tecnoloxía, licenza e deseño en países como EEUU, India e China. Hai pouco máis dun ano, Conic Vascular asinou un contrato coa compañía saudita NABD Medical Industrial Company, o cal supuxo comezar a producir os seus produtos e patentes en Arabia Saudita e que o primeiro catéter feito nese país tivese sinatura galega.

“Impresiona e é toda unha honra que unha empresa desta traxectoria e esta importancia, unha empresa que se dedica a salvar vidas estea radicada no noso concello, pero tamén impresiona moito a biografía de Manuel Parente”, declarou o alcalde, Blas García no mesmo ton distendido no que se desenvolveu toda a visita. García gabou tamén a profesionalidade do traballo levado a cabo nas instalacións situadas en Ames e o carácter innovador da empresa que pasa por ser unha das máis importantes do sector a nivel internacional. Aproveitou o alcalde tamén para anunciar que o concello está pensando na posible creación dun polígono para Bertamiráns que permita instalarse a máis empresas.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, tamén se amosou orgullosa de contar coa presenza en Ames dunha empresa como Conic Vascular: “Unha empresa que ademais ten moi en conta o apoio á familia e á conciliación”, manifestou a concelleira en clara referencia ao equipo feminino, 2 homes e 8 mulleres, que forma a táboa de persoal de Conic Vascular e as condicións de adaptabilidade horaria que ofrece para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e que propiciaron, segundo contou Parente, que “entre o 2010 e o 2014 nacesen 13 bebés, fillos/as de traballadoras de Conic Vascular” . Asemade, a concelleira aproveitou a visita para agradecer á directora de  calidade da empresa, Paula Rey, a súa colaboración no vídeo que realizou o concello co gallo do “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia”.

Incremento das ventas despois do confinamento
Falouse asemade do difícil ano da pandemia. “Nos pechamos catro meses e case rematamos coas reservas que tiñamos -explicou Manuel Parente- e cando volvemos a abrir incrementáronse os pedidos nun 60, 70 por cen, de xeito que empresas que antes non nos compraban agora si que o fan e vendemos en moitos máis países que antes”.

Tanto o alcalde como a concelleira agradeceron a Manuel Parente que tivese elixido Ames para radicar a empresa, ao que o presidente de Conic Vascular respondeu dicindo que namorara desde un primeiro momento desa esquina que mira para o Paseo Fluvial de Bertamiráns, que que lle lembraba á Suíza: “Agora, e por primeira vez na miña vida, cando viaxo sinto que volvo a casa”. 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Tecnología médica para 55 países desde Bertamiráns y nuevo polígono en proyecto"

Visita a Conic Vascular

Multimedia

  • Visita a Conic Vascular
  • Visita a Conic Vascular
  • Visita a Conic Vascular
  • Visita a Conic Vascular