Solapas principales

O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia

Martes, 18 de marzo de 2025

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron o pasado venres, 14  de marzo, a sede de CATEC en Galicia, situada no parque empresarial do Milladoiro. CATEC, Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales, é o único centro tecnolóxico en España dedicado exclusivamente ao sector aeroespacial. Impulsado pola Junta de Andalucía a través de FADA (Fundación Andaluza para o Desenvolvemento Aeroespacial), combina innovación e excelencia nunha contorna de colaboración público-privada.

No parque empresarial do Milladoiro teñen a súa sede diversas empresas relacionadas cos sectores tecnolóxico e do audiovisual. Unha destas empresas é CATEC, Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales, que é o único centro tecnolóxico en España dedicado exclusivamente ao sector aeroespacial.

O pasado venres, 14 de marzo, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron esta empresa con sede en Ames. Durante a visita, o equipo de CATEC, con Lucía Lloret ao fronte como responsable da oficina amesá, presentou CATEC xunto ao traballo que realizan neste centro tecnolóxico, e en especial os principais proxectos e actividades que se desenvolven en Galicia, destacando os traballos que se realizan baixo a dirección de Aviónica e Sistemas, podendo explicar en detalle os proxectos que cada traballador/a realiza no seu día a día. Ademais, mostróuselles a zona de oficinas e o taller da sede galega.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca o orgullo que supón para Ames contar con empresas da calidade como CATEC. “Sentímonos moi orgullos do traballo que realizan  empresas como CATEC no noso concello. No parque empresarial do Milladoiro contamos con empresas que son punteiras a nivel nacional e internacional nos sectores da innovación, tecnoloxía, comunicación e audiovisual, algo que temos que coidar e potenciar para seguir medrando”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “Marta Arufe, xefa de proxecto do centro CATEC, e Alejandra González, enxeñeira de robótica aérea en Galicia desta empresa, participaron nas charlas programadas polo Concello de Ames nos IES de Ames e do Milladoiro con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia. Para nós é un orgullo que profesionais da empresa CATEC se implicasen nesta iniciativa e lle amosasen á mocidade amesá as posibilidades que ofrece o ámbito da ciencia e a tecnoloxía na actualidade”.

Tras a visita, gozaron dun almorzo durante o que aproveitaron para falar das posibilidades de colaboración co Concello ao obxecto de buscar sinerxias con outras empresas da zona, e a posibilidade de levar a cabo traballos técnicos en colaboración co Concello de Ames, como probas de voo en certos espazos.

Sobre CATEC
Nas súas instalacións, máis de 60 enxeñeiros/as e doutores/as traballan no desenvolvemento de tecnoloxías de fabricación avanzada para Airbus, as Tier One e as Pemes da Supply Chain, contribuíndo ao crecemento e competitividade do sector. A súa misión principal é potenciar o desenvolvemento aeroespacial mediante investigación científica, transferencia de tecnoloxía e servizos avanzados.

Con máis dunha década de traxectoria, CATEC consolidouse como un dos centros tecnolóxicos máis activos en I+D+i a nivel nacional e europeo. Lidera a investigación en áreas estratéxicas como sistemas e avións non tripulados (RPAS/UAS), automatización e robótica avanzada, así como novas tecnoloxías e materiais para a fabricación aeronáutica, alcanzando recoñecemento internacional a través da súa participación en proxectos punteiros.

Ademais, destaca polo seu enfoque na modernización da industria aeronáutica, desenvolvendo tecnoloxías e servizos innovadores dentro do concepto de “Factoría do Futuro” ou “Industria 4.0”. Actualmente, colabora en máis de 60 proxectos de I+D+i xunto a grandes empresas tractoras como Airbus, así como coas principais Pemes andaluzas do sector.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames pon en valor a innovación de empresas coma CATEC"

AMSGO!: "O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia, referente en tecnoloxía aeroespacial"

O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia

Multimedia

  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia
  • O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan a sede de CATEC en Galicia