- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, envioulle esta xoves, 13 de xullo, unha carta dirixida ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para solicitarlle unha xuntanza de traballo co obxectivo de trasladarlle as necesidades educativas existentes nos CEIP de Barouta, A Maía, Agro do Muíño e na Escola de educación infantil do Milladoiro. O obxectivo é manter un encontro o antes posible para organizar un plan de actuación, xa que algunhas das obras que hai que executar son moi urxentes e deberían realizarase durante este verán.
O alcalde de Ames, Blas García, explica que vén de enviarlle unha carta ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, co obxectivo de “trasladarlle o noso interese en manter unha xuntanza na que poidamos abordar diferentes asuntos, que nos gustaría impulsar e darlle unha solución antes do comezo do vindeiro curso escolar”.
“En Ames contamos cun importante número de centros educativos: 5 centros de educación infantil e primaria, 2 IES, e un novo CEIP proxectado para construír en O Milladoiro, ademais da ampliación do CEIP de Agro do Muíño, cuxas obras xa están a piques de comezar. Non hai dúbidas que por parte da Consellería de Educación se está a facer un importante investimento no noso concello con estas obras novas que están proxectadas, pero tamén é certo que algúns dos centros xa existentes son moi antigos e necesitan facer arranxos, nalgúns casos con urxencia”.
Arranxos que son preciso executar
Na carta enviada á Consellería de Educación o rexedor municipal detalla os arranxos que son preciso executar, e que ademais a comunidade educativa está reclamado.
Deste xeito, no CEIP de Barouta é necesario con urxencia cambiar a cuberta, xa que mete auga debido ao deterioro da mesma e a súa antigüidade. Xa estiveron técnicos da Consellería no pasado inverno vendo as instalacións e comprobaron o mal estado da mesma. Tamén é necesario cambiar os baños, porque non están adaptados para o alumnado de infantil e en moitas ocasións a solución aportada é perigosa para os nenos e nenas. Ademais, existen deficiencias no patio exterior, tales como que as raíces de varias das árbores existentes están por fóra da terra (na superficie), deficiencias nas canalizacións de evacuación de pluviais, unha das gradas existentes presenta problemas de seguridade, etc.
No CEIP da Maía, é preciso cambiar a cuberta porque presenta problemas de filtracións e entradas de auga da choiva debido á súa antigüidade e ao deterioro sufrido polo paso do tempo. Ademais, no CEIP Agro do Muíño, é necesaria a construción dun patio exterior con formigón ou outro material para que se poida empregar todo o ano, xa que todo o entorno do colexio é unha zona moi húmida que imposibilita o uso en moitos dos días do outono e o inverno.
Na EEI de O Milladoiro é necesario corrixir o problema térmico que existe en todo o centro e que durante anos se leva reclamando, porque debido á orientación e a carencia de elementos nas fiestras que impidan a entrada do sol fai que en moitas épocas do ano a temperatura sexa moi elevada.
Tendo en conta as necesidades que presentan ditos centros educativos o alcalde solicita “unha xuntanza de traballo para poder expoñer de xeito persoal e máis polo miúdo todas estas necesidades, e poder programar e organizar un plan de actuación, xa que algunhas delas son moi urxentes e deberán de acometerse as obras durante este verán. Sabendo da súa preocupación e interese por arranxar estes asuntos porque o alumnado destes centros poidan estar nas mellores condicións posibles durante o curso escolar, así como pola tranquilidade e confianza das súas familias, estamos a súa disposición”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames pide reunirse con Educación para trasladarle que necesitan cuatro centros de forma urgente"