Solapas principales

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofrece o seu tradicional concerto de Entroido este venres no Milladoiro

Martes, 25 de febrero de 2014

[25-02-2014] Un ano máis o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ofrece un concerto de Entroido, para abrir os actos que se celebran con motivo destas festas. Esta actividade terá lugar este venres, 28 de febreiro, a partir das 19:30 horas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Os alumnos e alumnas da EMMA interpretarán un total de 27 pezas de varios estilos musicais en guitarra, percusión, frauta, saxofón, violín e piano. Tamén actuarán os grupos de canto e de combo. Este concerto terá unha duración aproximada de unha hora e media. Ademais, este xoves 27 de febreiro, haberá unha audición de piano e outra de guitarra na Casa da Cultura do Milladoiro. Aínda que estas audicións están dirixidas ao alumnado da escola e aos seus familiares, tamén están abertas a todas aquelas persoas que desexen acudir. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa de actuacións das audicións.

O programa de actuacións do concerto de Entroido inclúe versións de temas clásicos, partituras pop, bandas sonoras de varios filmes, temas das películas de Disney e outras sorpresas que marcarán o inicio musical do Entroido en Ames. O concerto articularase a partir de 27 temas musicais, o primeiro dos cales estará protagonizado polo alumnado de linguaxe musical que interpretará os temas “Bruja y diablo” e “Imitar, tentarei”. A continuación, actuará o coro que interpretará as pezas “Muiñeira do Alén”, a banda sonora de La Sirenita, “Bajo el mar”, e “Hello, goodbye” un tema dos Beatles.

De seguido virá a quenda da agrupación de guitarras, que interpretarán “El bueno, el feo y el malo” de Ennio Morricone. Tralas guitarras sairá ao escenario o percusionista David Rouco que fará unha “Lección de Caja” (método de percusión Podesmki). A continuación, será a quenda da orquestra de frautas, saxos e alumnos de percusión que interpretarán dous temas: “The Pink Panther” e “The Lion sleeps tonigh”.

A orquestra de saxofóns tamén interpretará dous temas. Antón Riveiro, Ángel Sánchez, Celia Tajuelo, David Paz, Roi Fernández, Juan Martínez e Luis Bao tocarán a peza “Amazing Grace”, de John Newton, mentres que Antón Riveiro, Mara Riveiro, David Paz, Roi Fernández, Juan Martínez e Luis Bao tocarán o tema “Subway”, de Karen Street. Os rapaces e rapazas de Música e Movemento interpretarán o tema “A camiño de Viseu” do grupo Pesdelán.

Especial Disney
Por outra banda, os alumnos e alumnas do coro farán unha representación especial de cancións de bandas sonoras de varias películas de Disney. Deste xeito, Sofia Ferreira cantará “No estoy lista para ser princesa”; Celia Proupín e Mario Uzquiaga interpretarán o tema “Bella y Bestia”; Maite Pellegrino cantará a canción “Sueña”, de El Jorobado de Notredam; Marta Costoya e Paula Barral poranlle voz ao tema “Un mundo ideal”, do filme Aladín; Aída Raíndo cantará a canción “Colores en el viento”, de Pocahontas; Lucia Núñez e Ayantu Vales cantarán “Bajo el mar”; e Sara Millan interpretará o tema “Brave” de Volaré.

Pero haberá máis actuacións musicais. Rebeca Soliño, acompañada de varias alumnas da escola que se encargarán da percusión, interpretará o tema “When I'm gone Cups”, de Anna Kendrick, e Vicente Carballo, acompañado de Óscar Suárez coa guitarra, cantará a canción “Corre” de Boyce Avenue.

O grupo de violíns, saxos, frautas e guitarras interpretará o tema “Hotel California”, do grupo The Eagles, mentres que as pianistas Lucía López-Suevos Doval e Sandra Abel Grandío tocarán a canción de "La bella y la bestia".

O concerto de Entroido rematará coa actuación dos grupos de combos de adultos e xuvenil. O combo de adultos, que está integrado por Rafael Pardo, Óscar Fernández, Luis Durán, Eva Millares e Pepo Suevos, tocarán os temas "Feo, fuerte y formal", de Loquillo, e "Un beso y una flor", de Nino Bravo.

Por outra banda, o grupo de combo xuvenil formado por David Amoza, Oscar Fernández, David Reino e Aída Raíndo, interpretarán as cancións “Oye como va”, de Carlos Santana, e “No importa”, de Garaje Jack.

Audicións de guitarra e piano
Este ano introduciuse unha novidade no programa formativo da Escola Municipal de Música de Ames. As audicións que antes se facían nas aulas da propia escola, este ano pasan a desenvolverse na Casa da Cultura do Milladoiro co fin de que o alumnado se acostume a actuar nun auditorio e lle perda o medo ao escenario.

Deste xeito, este xoves 27 de febreiro, haberá dúas audicións na Casa da Cultura do Milladoiro. A partir das 17:00 horas actuarán os alumnos/as de guitarra e as 17:30 horas tocaralle a quenda ao alumnado de piano. Haberá 26 actuacións individuais de guitarra e 62 actuacións individuais de piano. En principio as audicións están dirixidas ao alumnado da escola e aos familiares do alumnos/as, pero se calquera veciño/a está interesado en acudir a escoitar aos rapaces e rapazas poderá facelo xa que están abertas ao público en xeral.