Solapas principales

O alumnado de 4º da ESO do IES do Milladoiro organiza unha Foliada Solidaria con Palestina que recadará fondos para a ONG “Paias@s en Rebeldía”

Jueves, 09 de enero de 2025

O vindeiro venres 10 de xaneiro, ás 20:00h, terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro unha Gala Solidaria organizada polo alumnado de 4º de ESO e as súas familias, co obxectivo de recadar fondos para a ONG Paias@s en Rebeldía. Conta coa colaboración do Concello de Ames e da ANPA do IES do Milladoiro.

Esta entidade traballa na franxa de Gaza promovendo a cultura da paz a través das artes circenses, un espazo de esperanza e liberdade nunha realidade marcada pola violencia e a opresión. Baixo o lema "A forza da palabra e das artes", a gala ofrecerá un programa cheo de música, danza, poesía, improvisación, emoción e solidariedade.

O evento contará coa participación de artistas de renome como Fran Rei, as improvisadoras do Regueifa Tour, os músicos Pablo Castanho e Marcos Pin, e a xornalista Susana López, entre outros. A escenografía será cedida por un colectivo de artistas da asociación A Casa Branca, dos cales asistirá á gala Yoseba Muruzábal. Esta intervención visual pretende enriquecer a mensaxe do evento.

Ademais, o alumnado do Milladoiro realizará diversas intervencións artísticas nas que se combinarán danza, interpretación instrumental, regueifa restaurativa, improvisación oral e outras propostas creativas. A poesía tamén ocupará un espazo central no evento, posto que o pai dun alumno palestino do centro recitará uns poemas na súa lingua. A gala culminará coa interpretación dunha canción emblemática de Guadi Galego (Chea de Vida), considerada un himno de esperanza, a cargo do Coro das Emocións do centro.

Ao rematar o evento, o público poderá desfrutar dunha Foliada Aberta na que o alumnado repartirá chocolate e doces, co fin de recadar fondos para a súa saída didáctica a París. Esta actividade está aberta a toda a comunidade educativa e á cidadanía en xeral. Non só se trata de un evento para apoiar a Palestina, senón tamén de celebrar a forza da cultura, a arte e a humanidade que nos une como sociedade. A gala servirá de tributo ás voces silenciadas ás que, a través de cada actuación, se pretende enviar unha mensaxe de esperanza e resistencia.

Dende o IES reivindican que “Palestina sufre, pero tamén resiste, e desde aquí, con humildade, queremos ofrecer a nosa modesta contribución cultural, reafirmando que a cultura é o que nos fai libres, fortes e capaces de construír un futuro mellor para todas as persoas, sen distincións de raza, sexo, relixión ou fronteiras”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El IES O Milladoiro celebra su Gala solidaria con Palestina"

El Correo Gallego: "Milladoiro acolle este venres 10 unha gala solidaria con Palestina chea de música, danza e poesía"

Foliada Solidaria