- Tematica
Trinta e seis alumnas e alumnos de sexto de primaria do CEIP de Barouta visitaron na mañá do pasado venres 4 á brigada de repoboación forestal de Ames, que preparara uns terreos en Montemaior para explicar o seu labor á rapazada. Alí, os nenos e nenas plantaron árbores frondosas caducifolias e coñeceron o funcionamento das faixas secundarias do plan de prevención de lumes, que neste curso actuará nas zonas de Montemaior, Ventosa, A Condomiña e A Tarroeira.
Un autobús esperaba ás dez da mañá do pasado venres 4 ás portas do CEIP de Barouta, co fin de desprazar a 36 alumnos e alumnas de sexto de primaria a Montemaior, na parroquia da Ameixenda. Xunto con parte do profesorado e guiados polo persoal da Aula da Natureza, os nenos e nenas acabaron por chegar ata un terreo rectangular e despexado, con buratos preparados para a plantación.
Na localización levaba traballando varios meses a brigada de repoboación forestal, que se encarga de executar o plan de prevención de incendios forestais amesán, baseado na plantación de árbores frondosas caducifolias en faixas secundarias, co obxectivo de xerar barreiras naturais contra o lume e de favorecer a biodiversidade local. Neste curso, xa na súa quinta fase de actuación, a brigada actuará en terras das zonas de Montemaior, Ventosa, A Condomiña e A Tarroeira.
Foron os propios tres membros da brigada os que guiaron e explicaron o seu labor á rapazada, que coñeceu os motivos polos que se realizan buratos de diferentes profundidades, os tipos de solo cos que traballan, a distancia que se deixa entre árbores para favorecer as temperaturas frescas, ou os exemplares seleccionados e os coidados que precisan durante os primeiros meses. Outro dos traballos que mostraron foi o de atopar e mediar coas persoas propietarias das terras, habitualmente un proceso que require de buscas a través do catastro e de contactos coa veciñanza.
Ao igual que nas demais faixas do plan de prevención, os nenos e nenas plantaron árbores frondosas caducifolias, que poidan formar unha copa ampla que reduza a temperatura e xere sombra nas terras. Deste xeito, seleccionáronse para este terreo principalmente bidueiros e castiñeiros, ademais de abeleiras, nogueiras, cerdeiras e carballos.
Aprender sobre o monte, o crecemento das árbores e a prevención de lumes foi un dos obxectivos da xornada, na que se buscou crear conciencia ambiental “dende as bases”, segundo o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, que acompañou á rapazada no comezo da excursión. “Con actividades como esta, podemos involucrar aos rapaces para que vexan e aprendan o que se fai para protexer tanto a biodiversidade como os núcleos de poboación”, sinalou o concelleiro.
A saída a Montemaior serviu, ademais, para cumprir un dos proxectos do alumnado de sexto de primaria de Barouta, que antes de marchar do centro querían plantar unhas árbores que recordaran a súa estancia no CEIP. Así o indicou a técnica de Medio Ambiente e da Aula da Natureza. “A maioría destes rapaces e rapazas veñen traballando comigo dende Infantil e xa me comentaran a idea de deixar a súa pegada no monte antes de marchar ao instituto. En lugar de buscar unha parcela, suxerinlles a idea de coñecer a brigada, unir proxectos e sumarse ao plan de prevención de faixas, e accederon encantados”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Plantar árboles bomberos, el legado de una promoción del colegio de Barouta, en Ames"