Os Concellos de Ames e Brión están levando a cabo o programa integrado de emprego Ames e Brión 2019-2020, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nesta edición, participan 100 persoas desempregadas menores de 30 anos e persoas desempregadas maiores de 45 anos. Para continuar coa actividade durante o estado de alarma declarado polo Goberno do Estado, contratouse o servizo de subministración dunha plataforma de teleformación, a través da cal se impartirán cursos formativos para o alumnado e formación ao persoal do proxecto. Ademais, acábase de adxudicar a impartición online de dous cursos de operacións básicas de comercio e venda; e de xestión de operacións de almacén.
O programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión continúa a súa actividade durante o período de estado de alarma, trasladando á modalidade online todas as accións que é factible desenvolver dese xeito e autorizadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Neste programa participan 100 persoas, 85 persoas desempregadas menores de 30 anos e 15 persoas desempregadas maiores de 45 anos, dos concellos de Ames e Brión.
Durante o desenvolvemento do programa as persoas seleccionadas recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas, elixindo a que máis se adapte aos seus intereses entre diferentes áreas: comercio e atención ao público; actividades de almacén; ocio e tempo libre; limpeza; manexo de maquinaria…
Para continuar coa formación durante o período de estado de alarma, vén de adxudicarse á empresa Vértice Formación y Empleo SL, por un importe de 2.673,20 euros, o servizo de subministración dunha plataforma de teleformación, a través da cal se impartirán cursos formativos para o alumnado e formación ao persoal do proxecto.
Plataforma de teleformación
A través deste servizo ofrécese unha plataforma de teleformación, na que o alumnado poderá acceder a máis de 250 cursos, actualizados e deseñados para a adquisición de competencias profesionais. Estas accións formativas están orientadas á cualificación dos participantes para o desempeño de tarefas e funcións de postos de traballo con maior demanda nas empresas do tecido produtivo comarcal. Ademais, para a posta en marcha da plataforma de teleformación ponse a dispor dos/as técnicos/as do programa integrado os recursos formativos para a adquisición das competencias necesarias para o manexo e uso de dita plataforma.
A oferta de teleformación inclúe cursos de distintas familias profesionais como administración e xestión; comercio e marketing; hostalería e turismo; idiomas; informática e comunicacións; prevención de riscos laborais; sanidade; seguridade e medio ambiente; servizos socioculturais e á comunidade; agraria; edificación e obra civil; electricidade e electrónica; enerxía e auga; instalación e mantemento; e transporte e mantemento de vehículos.
Adaptación das actividades do programa á situación actual
Seguindo as instrucións da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral sobre medidas a adoptar no eido da formación profesional para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia derivadas da situación e evolución do coronavirus (COVID-19) o programa integrado está a adaptar a súa actividade á modalidade non presencial, a través do uso das novas tecnoloxías. Así, no ámbito da formación para o emprego, fíxose necesario cambiar a modalidade de impartición dalgunhas das accións formativas previstas.
Deste xeito, acábase de adxudicar a empresa Recursos Galicia SL, por un importe de 7.200 euros, a impartición online de dous cursos de operacións básicas de comercio e venda; e de xestión de operacións de almacén. A través destes cursos o alumando recibirá formación online, mentres que as prácticas en empresas realizaranas no momento no que sexa autorizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Tamén se está tramitando o expediente de licitación para a impartición do certificado de profesionalidade de “Atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais” en modalidade de teleformación.
Todas estas novidades serán presentadas polo persoal técnico do programa, a través dunha sesión grupal en liña con todas as persoas participantes, o próximo martes 12 de maio.