- Tematica
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación de Ames Jazz 2020. Asistiron Natividade González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación; Xacobe Martínez, director artístico; Manuel Gutierrez, músico; e Alvaro Trillo, músico e integrante de Os Bregadiers. O festival de Jazz celebrarase na noite do próximo sábado 4 de xullo, e este ano conta cun pasarrúas como principal novidade.
Natividade González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación comezaba a súa intervención agradecendo aos asistentes a súa participación, declarando que “é un pracer coincidir outra vez con estes artistas, e repetir un ano mais a nosa aposta pola cultura, en concreto polo jazz”. Ademais, contou como anécdota que “fai uns meses nos reunimos María Vázquez, Inés Portela, Xacobo Martínez e máis eu, e a nosa aposta era moito máis ambiciosa, tiñamos previsto facer algo máis grande, pero tivemos que aprazalo para o ano... de todos os xeitos, imos poder desfrutar un ano máis dunha noite no Pazo con estes marabillosos músicos”.
Posteriormente Xacobe Martínez, director artístico, quixo “salientar a valentía do Concello de Ames, xa que é o terceiro ano desta mostra de jazz que eu creo que é unha das poucas por non dicir a única en galego”. Engadiu que “agora co tema do coronavirus estase potenciando a contratación de proximidade e pódese dicir que en Ames, nese sentido, xa se tiñan os deberes feitos, e dende o primeiro momento a aposta de Ames foi a de recuperar esta programación, axustándoo en tempo récord e coa boa vontade de todos”.
Pola súa banda, Manuel Gutierrez adiantou que “o que farei co meu trío é presentar os temas do último disco, que xa ten algo de tempo pero con todo este tema quedou un pouco atrasado”. Ademais, mostrouse “moi contento de vir a Ames, e de poder tocar outra vez con Paco Charlín e Iago Fernández, que son una amigos cos que me apetece moito tocar e fai tempo que non nos vemos”.
E xa por último Álvaro Trillo, integrante de Os Bregadiers, invitou á veciñanza amesá a asistir ao acto: “somos unha banda moi divertida e moi elegante, así que non dubidedes en seguirnos no pasarrúas ata o escenario do Pazo da Peregrina porque o ides a pasar moi ben”.
Un pasarrúas como principal novidade do Ames Jazz 2020
O Ames Jazz 2020 ten como principal novidade un pasarrúas do grupo Bregadiers. Este dará comezo ás 21.00 horas na Praza do Concello, onde terá lugar unha pequena actuación antes de comezar a andaina polas rúas. Será as 21.15 horas, aproximadamente, cando dará comezo o pasarrúas ata a Praza da Maía. Nesta, tamén se realizará outra pequena actuación, que dará comezo arredor das 21.25 horas, e xa ás 21.45 horas aproximadamente, e cando dará comezo o pasarrúas ata o Pazo da Peregrina, onde se realizará outra pequena actuación que comezará arredor das 22.00 horas.
Os Bregadiers son experimentados músicos galegos nunha formación que leva ás rúas músicas doutras latitudes, nunca antes escoitadas en vilas e cidades galegas. Inspirados nas brass bands, fanfarrias ou bandas gypsy, Os Bregadiers son os herdeiros destas tradicións, cunha calidade musical e artística fóra de toda dúbida.
Así, con Oscar Prieto á tuba, Oliver Cano ao saxo alto, Rosolino Marinello ao saxo tenor, Javier Barral ao bombo e Abel Leonardo á guitarra, Os Brigaders serán os encargados de encher as rúas de Bertamiráns con ritmos swing, jazz e rock&roll.
Posteriormente, tamén no Pazo da Peregrina, ás 22.30 horas, dará un concerto o músico Manuel Gutierrez co seu trío. Cunha carreira profesional que abarca dende o rock, o folk, world music, blues, jazz ou as gravacións como músico de sesión ou composición de música para teatro ou documentais. Tocou en festivais de España, Portugal, Francia, Marrocos, Bulgaria, Suíza, Sudáfrica, Bolivia, Corea Do Sur, México, Guatemala, El Salvador, Nicaragua, Honduras e China. Na actualidade, Manuel traballa fundamentalmente cos seus proxectos persoais (o trío e un proxecto de piano solo), con Sumrrá, e como profesor de piano e combo en Estudio Escola De Música.
O aforo no Pazo da Peregrina limitarase a 100 persoas, e no caso de choiva, o evento trasladarase ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.