- Tematica
Guillermo Carracedo proclamouse fai poucas horas campión de España no campionato de pádel surf celebrado en Fuerteventura. Este título chega despois de acadar a quinta posición no campionato do Mundo celebrado no Salvador, ademais de conseguiren ser subcampións do mundo coa selección española. Grandes triunfos para este amesán, que sigue recorrendo mundo e coleccionando triunfos coa súa táboa de surf.
Despois de acadar a quinta posición no Campionato do Mundo que tivo lugar no Salvador , e de conseguiren ser subcampións do mundo coa selección española, Guillermo Carracedo chegou a Fuerteventura para sumar outro gran éxito á súa traxectoria: gañar o campionato de España. Unha final que foi literalmente, de 10, marcándose a máxima puntuación posible.
Dende a Concellería de Deportes de Ames, queren recalcar que “sempre é un orgullo que Ames estivese representada na modalidade de surf por Guillermo no campionato do mundo, acadando un 5º posto, e sendo subcampión do mundo xunto cos seus compañeiros e compañeiras da federación española de surf. A estes éxitos hai que engadir o recente campionato de España. Desexamos que siga acadando moitos podios, pero o máis importante gozando coa disciplina que escolleu”.
Aínda que non para de sumar éxitos neste deporte, Guillermo comezou máis ben tarde a practicalo cando xa tiña 17 anos. Aínda si, soe recalcar que para el o importante non son os anos que se levan practicando un deporte, senón as horas que se lle dediquen.
Fillo do catedrático, Ángel Carracedo, está graduado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, seguindo o legado dos seus pais. Actualmente, encóntrase estudando un máster en medicina deportiva, que combina coa súa paixón polo surf e o mar.