- Tematica
Guillermo Carracedo vén de proclamarse campión de Europa no campionato que se está celebrando en Hvide Sande (Dinamarca). Esta é a primeira medalla de ouro que consegue o xoven surfista amesán despois de gañar catro campionatos de España de Paddle Surf e un subcampionato do mundo coa Selección Española. Nos últimos meses, ademais, propúxose surfear por toda España, logrando surfear na praia de Gulpiyuri, en Asturias, considerada a praia más pequena do mundo. Tamén realizou un bonito reto na praia das Catedrais. Guillermo Carracedo xa está pensando no mundial que vai ter lugar en outubro en Puerto Rico.
A Selección Española de Stand Up Paddle (SUP) conseguiu as primeiras medallas do Euro SUP 2022, que se está disputando en Hivde Sande (Dinamarca). Na terceira xornada do Europeo, que foi o último día de competición da modalidade de SUP Surf, o amesán, Guillermo Carracedo, proclamouse campión de Europa de stand up paddle surf. Carracedo tivo que competir cos mellores surfistas do momento a nivel internacional. Tivo que participar en tres xornadas de competición nas que competiu en seis mangas.
Nas rondas previas á gran final, Guillermo Carracedo fixo un gran papel pasando de primeiro na maior partes das mangas, pero segundo explica o propio Carracedo “na manga previa á final, cando ía gañando e tiña garantido o pase á final, pitáronme unha interferencia que é un erro de prioridade e non foi pitada xustamente, mandáronme á repesca. Ao día seguinte con toda a rabia acumulada que tiña no corpo fixen unha gran actuación na final da repesca e gañei a proba asegurando o pase á final”.
Na final Guillermo Carracedo realizou unha gran actuación aproveitando cada onda que surfeou. Asegura que se sentiu moi tranquilo e motivado o que lle permitiu completar unha magnífica actuación. Di que se sentiu moi cómodo e concentrado durante toda a manga o que lle permitiu gañar a súa primeira medalla de ouro nun Euro SUP, fronte a grandes nomes internacionais.
O surfista amesán amosouse moi ledo por este título que acaba de gañar e dixo que “xa só competir contra estes deportistas, que sempre foron os meus ídolos, foi todo un pracer e un gran reto. Conseguir ganarlles é un soño feito realidade, aínda non mo acabo de crer. Non me imaxinei en ningún momento chegar tan lonxe neste campionato e ata me sorprendín a min mesmo polo resultado que obtiven”.
Surfear nas 17 comunidade de España
A medalla de ouro no Euro SUP 2022 de Dinamarca agranda aínda máis o impresionante palmarés de Guillermo Carracedo xa que é catro veces campión de España de Paddle Surf e subcampión do mundo coa Selección Española. Nos últimos meses, ademais, propúxose surfear por toda España, logrando surfear na praia de Gulpiyuri, en Asturias, considerada a praia más pequena do mundo.
Sobre este novo reto que se está realizando Guillermo Carracedo di que “a min sempre me gustou surfear olas que ninguén antes o fixera, polo que isto ademais de levarme a viaxar por todo o mundo, levoume agora a facer este reto con Red Bull de surfear nas 17 comunidades autónomas. Isto inclúe as comunidades de interior, que vai a ser un verdadeiro reto, e as de costa que quero facelo do xeito máis sorprendente posible en cada unha delas. Así, comecei na praia das Catedrais para facer un reto tan bonito como o que fixemos alí”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, dálle os parabéns a Guillermo Carracedo por esa medalla de ouro que vén de gañar no campionato de Europa de Paddle Surf. “É un verdadeiro orgullo para todo Ames contar con deportistas de tanta calidade profesional e persoal como Guillermo Carracedo, que leva o nome do noso concello por toda Europa e mailo resto do mundo. Desexámoslle moita sorte no campionato do mundo que se vai celebrar no mes de outubro en Puerto Rico”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Guillermo Carracedo, campeón de Europa en el campeonato de Paddle surf"
El Correo Gallego: "El compostelano Guillermo Carracedo, oro en el Europeo de surf de Dinamarca"
Diario AS: "Guillermo Carracedo, campeón de Europa de Paddle Surf"
AMSGO!: "O amesán Guillermo Carracedo acada o ouro no Europeo de surf en Dinamarca"