- Tematica
Guillermo Carracedo volveu a proclamarse campión de España de paddle surf. Este ano o campionato nacional de surf celebrouse do 31 de agosto ao 6 de setembro na praia da Frouxeira, en Valdoviño. O campionato comezou coa disputa da modalidade padsle surf na que Guillermo Carracedo conseguiu a medalla de ouro. Na categoría feminina impúxose Iballa Ruano. Deste xeito, revalida o título conseguido en 2019 en Fuerteventura. Este é o terceiro campionato de España para Guillermo Carracedo despois dos gañados en 2014 e 2019.
O amesán, Guillermo Carracedo, continúa sumando títulos ao seu palmares. Neste caso, vén de conseguir a medalla de ouro na modalidade de paddle surf do campionato de España celebrado dende o 31 de agosto ata o 6 de setembro na praia da Frouxeira, en Valdoviño. Guillermo Carracedo impúxose a Óscar Ruiz, Oihan Aizpuru e Manuel Hoyuela.
Na categoría feminina a medalla de ouro foi para Iballa Ruano. Completaron o podium feminino Alazne Aurrecoechea, Alexia Kiefer e Esperanza Barreras. Esta edición do campionato de España estivo marcada pola crise sanitaria da Covid-19. Deste xeito, agrupouse as distintas categorías por días para maximizar a medidas de seguridade e minimizar os riscos.
O surfista amesán explica que “este foi un campionato diferente debido á situación de nova normalidade pola Covid-19. Aínda así foi un campionato con moi boas olas, bo tempo e moi bos rivais. Este é o meu terceiro campionato de España, pero sen dúbida vai quedar no meu recordo como un dos máis especiais”. Ademais, agradeceulle á Federación Española de Surf a boa organización do campionato e felicitou a Iballa Ruano pola súa vitoria na modalidade feminina así como ao resto de participantes.
Guillermo Carracedo tamén se mostrou moi contento por poder volver a ver aos seus compañeiros cos que comparte a paixón do surf. “Este ano só puiden participar nunha proba de surf en febreiro, pertencente ao circuíto nacional. Despois chegou o confinamento, polo que tiña moitas ganar de competir e coller olas. A verdade é que foi estupendo poder volver a competir despois de tanto tempo e gañar en Galicia foi incrible”.
Tras participar e gañar o campionato de España, Carracedo di que “polo de agora non hai máis probas programadas do circuíto nacional e internacional, debido á pandemia da Covid-19, polo que a finais deste mes vou viaxar a Islandia para gravar unha nova peza audiovisual buscando novas olas por este país insular do norte de Europa”.
Palmarés de Guillermo Carracedo
Cómpre destacar que Guillermo Carracedo durante o ano 2019 foi campión de España, subcampión do Mundo coa Selección Española, Top 5 do Mundo individual, e subcampión de Europa. Tamén cabe destacar que gañou o circuíto nacional de paddle surf en tres ocasións e trece Copas de Galicia.
A concellería de Deportes, Susana Señorís, destaca o gran talento de Guillermo Carracedo que conseguiu o seu terceiro título de campión de España. “Dende o Concello de Ames queremos felicitar a Guillermo por este novo éxito na súa carreira deportiva e desexamos que siga acadando moitos podios, pero o máis importante gozando co paddle surf nesa nova experiencia que vai a vivir en Islandia”.