- Tematica
O programa “AmesON de verán”, organizado pola concellaría de Promoción Económica, prosegue este sábado, día 5, coa actuación do grupo Tacón Gitano, e o luns, 7 de agosto, coa de Pitusa Semifusa. As actividades, enmarcadas dentro do programa “Ames en festas”, desenvolveranse na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Trátase das dúas primeiras dun total de catro iniciativas que comprende o “AmesON de verán” durante este mes de agosto.
A praza de Manuel Murguía encherase este sábado, 5 de agosto, de música flamenca da man do trío Tacón Gitano, con motivo das festas da Madalena. A agrupación interpretará tangos, bulería, soleá, rumba... Composto por Moisés Fernández (caixón flamenco), Isaías Salazar (bailaor) e Rubén Fernández (guitarra e voz), o grupo busca ofrecer un espectáculo no que o público poida descubrir todas as vertentes do flamenco. A actuación comezará ás 21:00 horas.
Por outra banda, Pitusa Semifusa, o espectáculo que terá lugar na mesma localización o día 7 de agosto, é unha actuación musical e de teatro pensada para o público infantil. Trátase dunha actividade participativa na que Pitusa Semifusa (Xiana Lastra), a súa avoa (Olga Brañas) e o seu irmán (Sergio Tannus) irán explicándolles aos nenos e nenas distintos aspectos dos instrumentos musicais e da familia á que pertence cada un. Desenvolverase a partir das 19:30 horas.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, sinala que “estes días poderemos gozar no Milladoiro de novas actuacións do AmesON de verán, o programa de música na rúa que está recorrendo un ano máis os dous núcleos urbanos do concello. Nesta ocasión, con motivo das festas da Madalena, estarán na praza Manuel Murguía o trío Tacón Gitano e Pitusa Semifusa. Animo a toda a cidadanía a que se achegue a velos e escoitalos. O acceso é libre e gratuíto”.
Programación do “AmesON de verán” en agosto e setembro
Durante este mes sucederanse outras dúas actuacións. Xa o martes 8, a veciñanza poderá achegarse ata a praza de Chavián, en Bertamiráns, para ver un espectáculo de Paco Nogueiras. E pechará agosto Los Mecánicos, no parque do Ameneiral, o día 12.
Para poñer fin ao programa, a orquestra Olympus estará no aparcadoiro do SuperCor, no Milladoiro, o domingo 3 de setembro. O concerto será aberto polos gañadores da terceira edición do karaoke “Canta con Ames”.